
“Ás veces gustaríanos que os clásicos pasaran de moda, hai cousas que deberían caducar, que non deberían ser normalizadas”, dicía Lucía Álvarez na presentación de “Amanezca”, un traballo escrito e dirixido por esta actriz de Mouruás (San Xoán de Río), que se presentaba o 6 de marzo na Residencia de Estudantes de Madrid, rodeada polo equipo da película.
O filme conta a historia de Rita, unha actriz que se enfronta ao reto de interpretar a Laurencia, protagonista da célebre obra teatral Fuenteovejuna, escrita por Lope de Vega e publicada en 1619. E mentres prepara este difícil papel, de súpeto, vive unha situación similar á dese personaxe, case catro séculos despois.
“A base é o monólogo de Laurencia, que sofre unha violación diante de todos e ninguén fai nada. É un monólogo que as actrices temos moi metido na cabeza porque o estudamos moi pronto na escola. É difícil, é verso… co cal quedáseche porque ademais é moi rotundo, ten forza. Cos anos, non sei moi ben por que, volvín lelo, reencontreime con ese texto e quedei abraiada da súa vixencia e empecei a darlle voltas a que os clásicos non pasan de moda. E de aí xurdiu un poco a idea”, lembraba Lucía Álvarez.

Hai tres ou catro anos ocurríaselle convertir a Rita nunha Laurencia do século XXI, “violada por tres ou catro homes. Cando o comentei todo o mundo pensaba que se me ocurrira a maior das aberracións. Pouco despois de reunirme con Carmela M. Oliart (directora de produción) para contarlle o proxecto, sucedeu o da Manada, entón, sempre a realidade supera a ficción”, resaltaba a autora da curta.
Para desenvolver este proxecto, Lucía Álvarez rodeábase dun equipo 100% feminino. “Cando empezamos a facer a búsqueda decatámonos da inmensa dificultade diso”, indicaba Carmela M. Oliart, “ata hai moi pouco non puidemos pechar o equipo, non tiñamos montadora de son e algúns oficios, en especial os eléctricos, están absolutamente copados por homes. Cando fixemos este exercicio vimos que era necesario e bonito poñelo en marcha desta maneira. E ademais foi posible porque non deixa de ser un proxecto de dous días de rodaxe e pequeniño. Hoxe por hoxe, para unha longametraxe sería imposible. Por iso síntome orgullosa de que puideramos levantar a curta con este equipo, o que lle deu a todo unha natureza especial”.
O reparto
Cando Lucía Álvarez pensou en proporlle á actriz María Botto o papel de Rita, cría que non o ía aceptar, “pero enseguida me dixo que si, que era unha boa idea. Escollina porque paréceme unha actriz con moitísimo talento e porque quería que fora alguén do seu perfil. Lope de Vega escribiu ese personaxe para unha rapaza moi nova, e iso segue pasando hoxe. É dicir, ás actrices séguennos encasillando nun físico e nunha idade. Parece que cando pasas dos 20 anos pretende invisibilizarse á muller e, desta maneira, pretendo amosar que máis alá diso, seguimos sendo desexadas, tendo inquietudes e ilusións, e por qué non dicilo, tamén medo”, explicaba a directora.
María Botto séntese moi agradecida por este proxecto xa que cando “empecei a traballar o personaxe, decateime da súa vixencia, dunha sensación que dalgunha maneira pasamos todas as mulleres”. Ademais desta actriz, tamén forman parte do reparto María José Alfonso e catro actores: Fernando Andina, Nacho López, Jorge San José e Pedro Aijón, que interpretan aos violadores.

Lucía Álvarez resalta que Rita pretende representar a “todas as mulleres ao longo da historia. E iso fíxeno a través das voces das diferentes actrices que interpretaron a Laurencia ao longo da historia, convertíndoo tamén, como actriz que son, nunha homenaxe ás que nos precederon, a todas as que loitaron por que teñamos a liberdade de traballar, de dicir quen somos, de enfrontarnos aos textos, de poder crear e dirixir”.
A música
Outro dos elementos esenciais de “Amanezca” é a súa música, “é o que verdadeiramente conforma a película”, en palabras da súa directora, “porque é o que te vai levar a un sitio ou outro, o que te transporta, o que te coloca, o que te emociona e potencia todo o demais”. Unha música que é obra da pianista Rosa Torres-Pardo, que tamén asistía á presentación. “Foi un reto para as dúas compoñer a canción da curta, foi un traballo arduo, pero moi emocionante”, engadía Álvarez.
Malia que Torres-Pardo non se considera compositora, aceptaba o reto. “Este proxecto interésame moitísimo, encántame estar nun equipo con todas vos porque pensamos moi parecido e hai que comprometerse neste tipo de cousas, é importante e a min enriquéceme moitísimo”, contaba esta pianista. E o primeiro que fixo foi achegarse á historia, “que, en realidade, son dúas paralelas no tempo. Unha historia que se repite en épocas diferentes, así que fixen unha danza, á antiga, para eses versos de Lope de Vega e despois unha canción. Para iso servímonos duns versos de Calderón de la Barca”.
A presentación concluía coa estrea do tráiler de “Amanezca” e coa interpretación por parte de Clara Muñiz (voz) e Rosa Torres-Pardo (piano) da canción da película. Este traballo non conta con axudas e agora “estamos en plena búsqueda de financiamento para que poida ter unha distribución digna e á altura do que cremos que se merece”, adiantaba a directora.