EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Ribeira Sacra colleita 21 medallas no Mondial des Vins Extrêmes

Trátase do concurso enolóxico máis importante, reservado aos viños producidos en rexións de montaña

Imaxe dos premiados./ Foto cedida.

Este venres o Centro do Viño da Ribeira Sacra convertíase en escenario da entrega de premios da última edición do Mondial des Vins Extrêmes. O acto contaba coa asistencia de representantes das adegas galardoadas, membros do C.R.D.O. Ribeira Sacra e dunha representación dos municipios da Denominación cuxas adegas recibían premio, Sober, Pantón, Chantada, A Pobra do Brollón e Monforte de Lemos.

O presidente do consello regulador, José Manuel Rodríguez, repasaba a traxectoria da D.O. Ribeira Sacra neste certame e esperaba seguir recuperando progresivamente a normalidade. “Que sigamos participando nestas catas é unha das cousas que nos diferencia doutras zonas vitícolas. Hai que lembrar a Suso Conde e Suso Verao que hai case 30 anos foron a recoller os premios a Aosta. Estar aquí é a maneira de que nos diferenciemos nun mundo tan global. Despois destes dous anos parece que isto escampa e que imos poder recuperar todas esas citas que nos xuntan”.

A D.O. Ribeira Sacra presentaba este ano 53 mostras, 44 de tintos e 9 de brancos, pertencentes a 27 adegas e obtivo 21 medallas, 14 de ouro e 7 de prata.

MEDALLAS DE OURO:
• Castro das Saiñas 2019 de Adega Saíñas C.B. (Pantón)
• Sabatelivs 2020 de Adegas e Viñedos Lareu S.L. (Chantada)
• Acivro 2020 de Adegas Salvadur S.L. (A Pobra do Brollón)
• Almanova 2019 de Alma das Donas S.L. (Pantón)
• Prómine Singular 2020 de Bodegas Petrón S.L. (Sober)
• Rectoral de Amandi 2020 de Bodegas Rectoral de Amandi S.A.U. (Sober)
• Condado de Sequeiras 2017 de Grupo Peago S.L. (Chantada)
• Condado de Sequeiras 2019 de Grupo Peago S.L. (Chantada)
• Estrela 2020 de D’Fran S.C. (Sober)
• Don Bernardino 2020 de Don Bernardino S.L. (Sober)
• Vacamulo 2017 de Don Bernardino S.L. (Sober)
• Finca Cuarta por Rubén Moure 2020 de Rubén Moure Fernández (Sober)
• Ciudáseis 2019 de Mª Gloria Alvarín Losada (Monforte de Lemos)
• Regina Expresión 2017 de Regina Viarum S.L. (Sober)

MEDALLAS DE PRATA:

  • Matilda Nieves 2020 de Bodegas Rectoral de Amandi S.A.U (Sober)
  • Don Bernardino 2020 de Don Bernardino S.L. (Sober)
  • Don Bernardino Finca Mezquita 2016 de Don Bernardino S.L. (Sober)
  • Décima 2020 de José Manuel Rodríguez González (Sober)
  • Ciudáseis 2020 de Mª Gloria Alvarín Losada (Monforte de Lemos)
  • Val da Lenda 2020 de Víctor Manuel Rodríguez González (Sober)
  • Viña Frieira 2020 de Carlos Fernández Rodríguez (Sober)

Concurso só para viños producidos en rexións de montaña

O Mondial des Vins Extrêmes, que organiza o CERVIM é o concurso enolóxico máis importante, reservado aos viños producidos en rexións de montaña ou procedentes de cultivos extremos: altitude superior a 500 metros, pendente do terreo superior ao 30% (en zonas da D.O. Ribeira Sacra chégase ao 80%) ou sistemas vitícolas de cultivo en terrazas. A D.O. Ribeira Sacra é un dos máximos expoñentes mundiais deste tipo de viticultura que hoxe se coñece como viticultura heroica.

O CERVIM é unha entidade que busca valorizar a produción enolóxica desas terras que se caracterizan polas dificultades estruturais, pero tamén por viños singulares que teñen unha personalidade extraordinaria. O seu obxectivo é salientar as características únicas destes viños e dar a coñecer aos consumidores os aspectos culturais da viticultura de montaña e o valioso traballo que os viticultores fan para a posta en valor do territorio.

 

Artigos relacionados

Back to top button