
A vendima na Denominación de Orixe Ribeira Sacra concluía cunha colleita que produciu unhas uvas de “excelente calidade”. En palabras do presidente do Consello Regulador da D.O., Antonio Lombardía Crespo: “creo que os viños desta anada imos poder gozalos durante moitos anos, a calidade coa que entraron as uvas nas adegas foi inmellorable” A día de hoxe, recolléronse 4.881.326 quilos de uva, o que reflicte o esforzo de viticultores e adegas por preservar a viticultura heroica e a calidade de produción.
Este ano, as choivas fixeron acto de presenza só nos últimos momentos da vendima, o que retardou nalgúns casos a súa finalización. Con todo, o esforzo dos viticultores e adegas permitiu finalizar a recollida con calidades óptimas, asegurando o seu potencial para a elaboración de viños de excelente calidade.
Ao longo da vendima, cultiváronse distintas variedades autóctonas, entre as que destacan:
Variedades tintas
● Mencía: 3.662.322 quilos
● Garnacha: 109.387 quilos
● Sousón: 56.286 quilos
● Merenzao: 48.778 quilos
● Brancellao: 48.585 quilos
● Caíño tinto: 41.299 quilos
● Tempranillo: 26.152 quilos
● Mouratón: 6.193 quilos
● Grao Negro: 1.565 Quilos
Variedades brancas
● Godello: 719.757 quilos
● Albariño: 82. 369 quilos
● Treixadura: 53.756 quilos
● Dona Branca: 7.371 quilos
● Loureira: 7.308 quilos
● Branco Lexítimo: 9.062 quilos
● Torrontés: 1.136 quilos
A Denominación de Orixe Ribeira Sacra segue consolidándose como unha referencia dentro do panorama vitivinícola, destacando non só pola singularidade das súas viñas e dos seus viños, senón tamén polo compromiso das súas adegas e viticultores coa calidade e autenticidade dos produtos que se elaboran baixo esta Denominación.
Segundo palabras do presidente da D.O. Ribeira Sacra, “cremos que vai ser unha anada excepcional pola calidade da uva que entrou nas adegas, motivado principalmente porque os meses de agosto e setembro, en xeral, non tiveron períodos longos de altas temperaturas, refrescando significativamente pola noite, o que provocou unha maduración lenta que permite uvas cun grao e unha acidez moi equilibrada. Creo que a nosa fortaleza é a singularidade da nosa viticultura, das nosas variedades e dos nosos viños. O mercado demanda viños tintos frescos e afrutados, e na Ribeira Sacra eses viños témolos de maneira natural.”