EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Ribeira Sacra participa con 53 viños no Concurso Internacional “Mondial des Vins Extremes” (Italia)

Cedida.

 

O “Mondial des Vins Extremes”, considerado o certame internacional máis importante no ámbito da viticultura de montaña ou viticultura heroica, estase a celebrar do 15 ao 16 de xullo no Val italiano de Aosta (Italia), promovido polo CERVIM, e conta con participación de viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

En total esta denominación de orixe, situada entre as provincias de Ourense e Lugo, presenta este ano 53 mostras (44 de tintos e 9 de brancos), pertencentes a 27 adegas. Os bos resultados que a D.O. Ribeira Sacra obtén sempre en Aosta son “un trampolín internacional para os seus viños e convertérona nun dos referentes mundiais máis importantes dentro da viticultura de montaña ou viticultura heroica”, asegura o seu consello regulador.

Os criterios que deben de cumprir as denominacións de orixe para que os seus viños participen no certame deben de ser, entre outros: altitude superior a 500 metros, pendente do terreo superior ao 30% (en puntos da D.O. Ribeira Sacra chégase ao 80%) ou sistemas vitícolas de cultivo en terrazas.

“A D.O. Ribeira Sacra é referente mundial do que se denomina viticultura heroica, denominación á que se chega por unhas condicións orográficas que non permiten a mecanización, viñedos de pequeno tamaño habitualmente organizados en terrazas; condicións climáticas adversas ou/e porque o viñedo atópase en zonas xeográficas con paisaxes de elevada beleza e con carácter turístico”, din dende o seu consello regulador.

Con este concurso o CERVIM busca “valorizar a produción enolóxica desas terras que se caracterizan polas dificultades estruturais, pero tamén por viños singulares que teñen unha personalidade extraordinaria”. O seu obxectivo é salientar as características únicas destes viños e dar a coñecer aos consumidores os aspectos culturais da viticultura de montaña e o valioso traballo que os viticultores fan para a posta en valor do territorio.

Artigos relacionados

Back to top button