
A Denominación de Orixe Ribeira Sacra vén de iniciar oficialmente o 23 de setembro a vendima, tal e como determinaba o pleno do seu Consello Regulador en base aos controis de maduración realizados polas técnicas do propio organismo. Este ano, os adegueiros da zona destacaron as excelentes condicións das uvas, o que augura unha colleita de alta calidade.
A pesar de que a data sinalada foi o día 23, xa algúns viticultores e adegas iniciaron a vendima con anterioridade. Desde o inicio da campaña, recolléronse xa a cantidade de 2.097.375 quilos de uvas, datos a data 23 de Setembro. Dos anteriores, 1.204.626 quilos corresponden a uva Mencía, sendo o Godello a segunda variedade máis recollida con 643.379 quilos. Outras variedades destacables, entre outras, ata a data vendimadas, ordenadas por quilos recolleitos, foron: Merenzao, Albariño, Treixadura e Garnacha. Todas elas mostraron unha excelente maduración, o que confirma as expectativas de obter viños de gran calidade.
“A vendima na D.O. Ribeira Sacra é un momento clave, non só pola tradición vitivinícola, senón tamén polo impacto que ten na economía local. Os traballos nas adegas continuarán durante as próximas semanas, a medida que os viticultores aproveiten as condicións climáticas para recoller o froito no seu punto xusto de maduración”, destacan dende esta denominación.
O Consello Regulador seguirá monitorizando o proceso para garantir que se manteñan os altos estándares de calidade que caracterizan aos viños desta Denominación de Orixe.