EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Ribeiro colabora con Xabier Díaz no seu novo disco “Axúdame a sentir”

O músico e compositor e o presidente do Consello Regulador explicaron polo miúdo o especial proxecto esta mañá en Ourense

 

A D.O. Ribeiro, da man do seu presidente, Juan M. Casares, e o músico e compositor Xabier Díaz, presentaban esta mañá, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, a colaboración en torno ao seu novo disco “Axúdame a Sentir” e a súa xira coas Adufeiras do Salitre.

Este labor conxunto materializouse na creación dun viño promocional con etiqueta conmemorativa propia do novo traballo, que os máis rápidos seareiros do músico puideron recibir de agasallo pola compra do disco pola web www.xabierdiaz.com. O resto de persoas, que conten con entrada para os concertos galegos, tiveron a oportunidade de probalo na degustación previa ao concerto de Vigo (inicio da xira) ou este venres, previo ao concerto de Ourense, no Teatro Principal. Ademáis, poderano obter se compran o disco nos concertos de Santiago de Compostela ou en A Coruña.

Deste acordo entre ambos xurdiu ademais unha peza audiovisual promocional que pon en valor a música tradicional galega e a Denominación de Orixe máis antiga de Galicia. Trátase dun vídeo no que Xabier Díaz percorre o Ribeiro para coñecer de primeira man os seus viñedos, viños, adegas, patrimonio, termalismo, nunha xorndada completa, acompañado polo presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan M. Casares, quen comentou “quero agradecer dende o corazón a elección por parte de Xabier desta Denominación de Orixe para a promoción do seu novo traballo, xa que desta D.O. vive moita xente, adegas, viticultores… milleiros e milleiros de persoas ao longo da historia”.

Xabier Díaz respondeu a esta gratitude cun “o agradecemento ten que vir pola miña parte, esta harmonía entre a música tradicional co viño do Ribeiro é unha idea que me acompaña dende fai moito tempo porque creo que ambos están intimamente ligados, xa que dende sempre se cantou durante todo o proceso de coidado das vides, poda, vendima… e logo, máis adiante, cando se abre unha botella vólvese a cantar”.

 

 

Ademais, o C.R.D.O. Ribeiro contará coa presenza de Xabier Díaz en formato trío como actuación principal na gala de entrega Premios D.O. Ribeiro 2024, que se celebrará a finais do mes de xuño en Ourense e onde se entregarán os galardóns aos viños e personalidades relacionadas co mundo vinícola de relevancia.

Parada en Ourense da xira

A xira “Axúdame a Sentir” de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, que arrancou exitosamente o pasado 9 de marzo no Auditorio Mar de Vigo, sumará unha nova parada este venres 22 de marzo en Ourense, e continuará en Santiago de Compostela e na Coruña ata expandirse por todo o territorio nacional. Esta chega cunha harmonía envexable da man da D.O. Ribeiro quen creou, con motivo deste novo disco, unha edición especial do viño institucional Fillas D.O. Ribeiro; cunha tirada limitada de viño branco.

Será un agasallo especial para as seareiras e seareiros e poderá catarse ou conseguirse de diversos xeitos. Por unha banda, este viño puido degustarse nunha cata previa ao concerto de Vigo que terá unha segunda volta no concerto de Ourense de 18:15 horas a 19:15 horas, previa inscrición para aqueles que xa teñan a entrada. Nos concertos de Santiago de Compostela e de A Coruña tamén estará presente en forma de agasallo, aquelas 50 persoas que merquen in situ o disco, levaran consigo unha botella deste prezado viño.

Tamén se poderá conseguir na tenda online en www.xabierdiaz.com nun pack especial para primeiras persoas que merquen o disco.

 

 

Xira Galega:

Ourense (Galicia) – Teatro Principal – 22/03/24 (20.00 horas) ENTRADAS ESGOTADAS
Santiago de Compostela (Galicia) – Auditorio de Galicia – 13/04/24 (20.30 horas)
A Coruña (Galicia) – Teatro Colón – 14/04/24 (19.00 horas) ENTRADAS ESGOTADAS

Xira Península:

Llángreu (Asturies) – Nuevu Teatru de La Felguera – 20/04/24 (20.00 horas)
Bilbao (Euskadi) – Sala Cúpula Teatro Campos Eliseos 21/04/24 (19.30 horas)
Valladolid – Sala Borja 26/04/24 (20.30 horas)
Zamora – Teatro Principal 27/04/24 (20.30 horas) Entradas dispoñibles o 15 de marzo
León – Teatro San Francisco 28/04/24 (19.30 horas)

“Axúdame a Sentir” é un traballo en colaboración coas Adufeiras do Salitre e no que participarán músicos de diversa índole dando lugar a un conxunto de temas que agochan o máis puro sentir, aquel que Xabier garda con agarimo cando recorda a súa avoa Obdulia “unha de tantas catedráticas sen título nesa célebre universidade da vida”.

Artigos relacionados

Back to top button