EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Ribeiro suscita o interese de profesionais da Coruña e arredores no Fórum Gastronómico

 

O C.R.D.O. Ribeiro participaba esta semana no encontro Galicia Fórum Gastronómico, que este ano celebraba a súa novena edición. Tiña lugar do 7 ao 9 de abril no recinto ExpoCoruña. Os visitantes profesionais do sector vitivinícola e gastronómico que acudiron a este evento puideron mergullarse na D.O. Ribeiro a través dun túnel de cata libre con 20 referencias de viño, brancos e tintos, e as casetas presenciais de varias adegas da Denominación, repartidas por todo o espazo destinado ao desenvolvemento do evento gastronómico por excelencia do norte de España. O túnel da D.O. Ribeiro situábase no espazo da Consellería do Medio Rural – Xunta de Galicia, onde ademais organizáronse varias degustacións guiadas incluídas no programa de “Experiencias de calidade”.

A Denominación de Orixe máis antiga de Galicia mostrouse aos profesionais do sector asistentes a través dun espazo de cata con 20 referencias: 19 viños brancos e un tintos: A Cova do Lebre, A Telleira Godello, Armán Finca Misenhora, Beade Primacía, Big Bang, Canción de Elisa, Cunqueiro III Milenium, Coto de Gomariz finca o Figueiral, Cuñas Davia, Eduardo Bravo, El Patito Feo Lías, Fala de min, Finca Teira, Finca Viñoa Embotellado Tardío, Gran Alanís, Pazo Tizón blanco, Tamborá, Terra Minei, Terranegra e Village.

 

A D.O. Ribeiro apostou pola fidelización do seu mercado máis próximo e de gran relevancia a través da participación neste encontro enogastronómico, que reúne durante tres días a profesionais do mundo vinícola e gastronómico da Coruña e os seus arredores. O presidente do Consello Regulador, Juan Manuel Casares Gándara, comenta que “consideramos un rotundo éxito a nosa participación neste encontro enogastronómico, onde máis de 300 profesionais puideron catar unha boa selección de viños da D.O. máis antiga de Galicia, incluíndo entre eles varios de colleitas distintas (2023, 2022, 2021 ao 2020) ou con elaboracións especiais (sobre lías, con paso por madeira, embotellados tardíos…). Entre todos puideron percibir a variedade e personalidade dos viños elaborados con variedades de uva autóctonas, como a Treixadura, Godello, Albariño ou Lado en viños brancos e Caíño, Brancellao, Ferrón ou Sousón en tintos.”

O Galicia Fórum Gastronómico é un evento gastronómico de referencia no norte de España, desde que se celebrou a súa primeira edición no ano 2008, celebrándose o últimas catro edicións na cidade da Coruña e converténdose nun punto de encontro para o sector vinícola e alimentario. Na súa última edición, en 2022, congregou a máis de 22.000 visitantes e 200 expositores.

 

Artigos relacionados

Back to top button