En portadaÚltima hora

A D.O. Valdeorras pecha unha colleita de gran calidade pero con só 4,7 millóns de quilos

Destaca o peso da variedade godello, que representa o 60% da produción e que supera os 2,6 millóns de quilos

 

O presidente do CRDO Valdeorras, José Luis García, durante a rolda de prensa./ Foto: Carlos G. Hervella.

Uva de gran calidade, pero cunha produción reducida. A Denominación de Orixe Valdeorras pecha a campaña 2018 cun total de 4,7 millóns de quilos, unha cantidade que se mantén na liña dos tres últimos anos “nos que estamos en mínimos de produción, o noso potencial normal estaría en torno aos 6,5 millóns de quilos e no 2016 tivemos 4,6 millóns, no 2017 4,1 millóns e nesta campaña 4,7 millóns. A deste ano foi unha campaña complicada polo ataque do mildeu”, comentaba o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, José Luis García Pando, na rolda de prensa celebrada na mañá do 19 de outubro para facer balance da vendima.

Aínda así, a cifra de quilos recollidos no 2018  é lixeiramente superior á do pasado ano, en concreto un 15% máis. E por variedades destaca o peso da godello, con máis de 2,6 millóns de quilos, seguida da mencía con 1,4 millóns de quilos. “A godello representa case o 60% da uva metida na D.O. “Esta uva branca aumentou en porcentaxe neste ano, primeiro porque aguantou mellor o ataque do mildeu e tamén por un aumento da superficie plantada, pasamos de 376 hectáreas a 434 hectáreas e a tendencia e que vai seguir aumentando”, destacaba García Pando.

 

O presidente do CRDO Valdeorras, coa acreditación ENAC./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O presidente da D.O. Valdeorras tamén destacaba a gran calidade e excelente estado sanitario do produto que entraba nas adegas e  á boa meteoroloxía coa que se desenvolvía ao longo de máis de 40 días a vendima nesta comarca, algo que tamén contribuíu ás boas condicións da uva, así como ao seu equilibrio en acidez e grao alcohólico. Esta foi ademais a primeira vendima realizada dende que o CRDO Valdeorras conta coa acreditación ENAC. Isto implicou a posta en marcha dun novo sistema durante a campaña, que funcionou “perfectamente”, segundo García Pando.

Por outra banda, o responsable da D.O. Valdeorras comentaba que neste ano as adegas tiveron dificultade para atopar vendimadores. “Isto xa se puxo de manifesto este ano e pensamos que no futuro vai ser realmente un problema encontrar xente para traballar na recollida da uva”, sinalaba.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button