EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A Deputación colaborará co GDR Valdeorras na execución do Plan de Sustentabilidade Turística “Valdeorras ruta do viño milenaria”

O plan permitirá un aproveitamento turístico sustentable e a posta en valor do patrimonio natural e cultural da comarca, incluíndo 17 actuacións enmarcadas nos catro eixes (transición verde e sustentable, mellora da eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade) que serán executadas no período 2023-2025

 

O presidente provincial, Luis Menor, e a presidenta do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Valdeorras, María del Carmen González, mantiñan nesta semana unha reunión no Pazo Provincial para coordinar a asistencia técnica e administrativa que achegará a Deputación para executar os 1,5 millóns de euros obtidos de fondos europeos con destino ao Plan de Sustentabilidade Turística “Valdeorras ruta do viño milenaria”, proxecto que se enmarca no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGeneratioEU.

Este Plan potenciará o enoturismo, ademais do patrimonio natural e cultural da zona oriental da provincia, coa mellora da xestión de uso público de diferentes puntos de interese, facilitando un aproveitamento turístico sustentable.

O Plan de Sustentabilidade Turística, promovido polos municipios da comarca a través do GDR Valdeorras en convenio coa Axencia de Turismo de Galicia, permitirá levar a cabo 17 actuacións enmarcadas nos catro eixes (transición verde e sustentable, mellora da eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade) que serán executadas no período 2023-2025.

 

 

“Valdeorras ruta do viño milenaria” é un dos proxectos beneficiarios da II Convocatoria extraordinaria do programa de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino 2022, financiado integramente con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Trala reunión, Luis Menor destacou que a Deputación amosa, unha vez máis, “ser unha ferramenta eficaz no ámbito da cooperación cos concellos”, desta volta facilitando a tramitación dun investimento de máximo interese que, ademais, “entronca cunha das liñas estratéxicas deste goberno provincial como é turismo, vinculado a un sector vitivinícola en auxe”.

Artigos relacionados

Back to top button