OurenseÚltima hora

A Deputación de Ourense mobiliza 1,9 millóns de euros en cooperación cos concellos, entidades sociais, veciñais e deportivas

Os membros da Xunta de Goberno da Deputación, durante o minuto de silencio.

O novo equipo do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, celebrou esta mañá a primeira Xunta de Goberno do recen estreado mandato, nunha sesión na que se mobilizaron 1,9 millóns de euros en cooperación cos concellos e entidades sociais, veciñais e deportivas, axudas consignadas no orzamento vixente e nas modificacións de crédito deste ano.

A sesión comezaba cun un minuto de silencio na honra do director da agrupación folclórica Amezebra, George Ofilant (53 anos), que faleceu esta pasada noite por causas naturais despois de ter participado na cerimonia inaugural das Xornadas de Folclore.

A orde do día incluíu tres resolucións, a primeira delas correspondente a subvencións para a prestación de servizos sociais, que cun importe de case 255.000 euros contribuirá á realización de 63 proxectos promovidos por outras tantas entidades sociais. Tamén se resolveu a concesión de axudas para a celebración das Copas Deputación de 2023, con 90.000 euros en achegas para trinta asociacións e clubs deportivos. A terceira das resolucións fai referencia ás xudas para gastos de investimento das asociacións veciñais, cun importe total de 30.000 euros para acondicionamento, reforma e equipamento de locais de 35 entidades en dezasete concellos.

 

 

Polo que respecta ás subvencións a entidades, a Xunta de Goberno aprobou as seguintes axudas: 71.000 euros para a Estación de Inverno de Manzaneda, MEISA con destino ao programa EsquiOU 2023; 25.000 € á Federación de Comercio de Ourense para gastos de funcionamento, proxectos e actividades; 60.000 € a favor da Asociación Cultural Amigos Camiño Mozárabe – Vía da Plata Ourense para unha estatua de Ramón Conde; 10.000 € á Asociación de Veciños Xuntanza Bergueira para a mellora do forno Amoeiro-Bergueira; e 48.000 € para a Diocese de Ourense co fin de cambiar a cubrición e eliminar humidades na igrexa parroquial de San Paio de Abades (Baltar).

En cooperación cos concellos, as axudas aprobadas foron as que seguen: 11.000 euros para a posta en valor da necrópole de Garfián e 25.000 para a redacción do proxecto dun novo cemiterio público, ambos en Beariz; 75.000 € para o proxecto de urbanización da parcela que acollerá o futuro centro de saúde de Boborás; 73.000 € a favor do Concello de Castrelo de Miño para cofinanciar obras e servizos municipais; 48.000 € para rehabilitar a casa de Carlos Velo como sede da fundación que leva o nome do cineasta, en Cartelle; máis de 42.000 € con destino á humanización do pobo de Ferreiros (Coles); e 165.000 € a favor do Concello de Cualedro para construción dun punto limpo que tamén dará servizo a Trasmiras e Monterrei.

Tamén se aprobou unha achega de case 65.000 euros para o Plan Hurbe no contorno da casa cuartel de Esgos; 48.000 € para un depósito de auga en Cabaleiros (Lobeira); 3.000 € para a sinalización de rueiros en dez pobos da Mezquita; 40.000 € para limpeza de camiños e xestión medioambiental en Nogueira de Ramuín; 23.000 € a favor do Concello de Parada de Sil para o Museo do Chocolate; 25.000 € para actividades deportivas e unha segunda axuda polo mesmo importe para promoción turísticas, ambas para Pereiro de Aguiar. 70.000 € para rematar a segunda fase da urbanización rúa Pireira, na Rúa; 152.000 € para mellora de vías municipais en San Cristovo de Cea; 325.000 € para converter a casa reitoral na Casa de Cultura de Taboadela; e dúas axudas máis para o Concello de Toén, por importe de 48.000 e case 97.000 euros para a execución de proxectos e obras do Plan Hurbe.

Na mesma sesión desta mañá quedaron fixadas as bonificacións a entidades polo uso de instalacións e mailo reparto de uso de espazos no Pazo dos Deportes Paco Paz.

Artigos relacionados

Back to top button