En portadaEntroido 2020Galerías de fotosÚltima hora

A elegante danza das Mázcaras e o toque dos fulións, protagonistas do Martes de Entroido en Manzaneda

Publicidade

 

A ritmo de fulión vivía o Martes de Entroido Manzaneda, nunha xornada na que se lograba sortear á chuvia. A vila recibía a visita dos fulións do municipio e doutros veciños nun desfile que comezaba rozando as 12h. coa tradicional petición de permiso, desta volta a cargo do Fulión da Mourela p’acá. Tras a resposta positiva do representante de Manzaneda, soaban as chocas, bombos, aixadas, cornas e gadañas mentres as Mázcaras iniciaban as súas fermosas danzas.

 

 

Iniciaba un percorrido pola vila con paradas en certos puntos como a residencia da terceira idade e a zona vella, onde eran agasallados con bebidas e comida. Tras a Mourela p’acá tomaban a saída Os Labregos (Trives), o Fulión de Langullo-Parroquia de Cesuris (Manzaneda), As Maceiras (Trives), A Lardeira (Trives), a Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso e, pechando xa a comitiva, o Fulión de San Martiño (Manzaneda).

 

 

Durante o desfile contábase coa colaboración de membros de catro agrupacións de Protección Civil (Manzaneda, A Rúa, Petín e Viana do Bolo) que ordeaban o tráfico e velaban pola seguridade.

 

 

O desfile concluía no mesmo punto de inicio, as proximidades do colexio. Despois os asistentes dirixíanse ao polideportivo, onde se servía un xantar popular. Más de mil persoas desfrutaban dun menú a base de empanada, chourizo con patacas, carne ao caldeiro e bica, ademais de viño, café e licores.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

 

Artigos relacionados

Back to top button