ConcellosEn portadaManzanedaTrivesÚltima hora

A Estación de Manzaneda reabre o 12 de xuño e non pechará en todo o ano

Desde o 24 de xuño ao 11 de setembro, a Estación de Montaña manterá operativas as súas instalacións e servizos todos os días, mentres que o resto do ano farao os festivos e fins de semana

 

“Deixemos de dicir o que temos que facer e fagámolo”. Baixo esta premisa, o vindeiro sábado día 12 de xuño érguese o pano para unha renovada Estación de Montaña Manzaneda, inmersa na maior transformación conceptual da súa historia. O obxectivo de Artabria Turismo, empresa que leva a xestión deste complexo, é convertela na “Estación de Montaña de referencia para o norte de España e Portugal durante todo o ano, haxa neve ou non”. Para iso ofertará unha ampla e diversa lista de actividades relacionadas co turismo activo, a natureza, o deporte e a aventura. “En definitiva, trátase de lograr a ansiada desestacionalización con feitos, antes que con palabras, convertendo o verán nunha estación forte do ano”, aseguran dende Artabria.

Así, unha vez abra de novo as súas portas o 12 de xuño “xa non as pechará, algo que non sucedera nunca”, resaltan dende a empresa. Desde o 24 xuño ata o 11 de setembro a estación de montaña permanecerá aberta, con todas as súas instalacións e servizos operativos, os 7 días da semana. E o resto do ano (desde setembro ata finais de xuño), durante todas as fins de semana, xa desde o venres e festivos.

A forma de operar e de atraer ao público, especialmente ao familiar, tamén será distinta, cunha renovada imaxe de marca, nova páxina web e servizo de venda online a través da web manzaneda.com, que estará en funcionamento desde hoxe mesmo. Tamén se estrea un novo plan de pases e prezos, máis alcanzables e reducidos para nenos, familias numerosas, persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.

 

 

Cunha soa entrada será posible acceder a todas as instalacións e servizos da Estación de Montaña: bike park, remontes, piscina, instalacións deportivas, servizos de restauración, rutas de sendeirismo e de marcha nórdica, parque multiaventura, tirolina xigante, tiro con arco ou orientación deportiva.

Deste xeito, a mecánica de funcionamento de Manzaneda en canto ao acceso, tanto no verán como no inverno, será a dun parque de aventura, pero “coa singularidade única de estar localizado nun dos teitos de Galicia e das paraxes icónicas da comunidade. Fronte á pandemia, ofrecerá todo tipo de actividades de lecer, deporte, cultura e gastronomía ao aire libre e nun espazo seguro”, destaca Artabria.

Actualmente, a Estación de Montaña de Manzaneda está a ser obxecto dun intenso traballo de reparación e acondicionamento, que afecta por igual a todas as súas instalacións: piscina e spa, pavillón, zonas de restauración, de recreo, canchas deportivas, trazados de bike- park ou a instalación de nova sinalización, entre outras.

Novas contratacións

A inactividade durante o pasado ano, como consecuencia entre outras razóns da pandemia, provocou un elevado nivel de deterioro na maioría das instalacións que está a ser emendado para a reapertura. Para iso, a nova dirección xa sacou do ERTE a todos os traballadores afectados, estando hoxe operativa o 100% do persoal, que se duplicará en breve coa contratación de monitores, camareiros e persoal sanitario.

Ademais, tamén traballan na adecuación das diferentes instalacións media ducia de empresas, practicamente todas da comarca. Unha parte destes traballos céntranse na adecuación do bike park ao carácter familiar que a nova dirección quere imprimir á Estación, co deseño de novos trazados para todos os públicos.

Tamén, tal e como comunicou a través das súas redes sociais, a Estación de Montaña instalou portabicicletas na parte traseira dos telecadeiras para transportar ata tres bicicletas (dúas de adulto e unha de neno) en condicións de máxima seguridade e de forma independente. A apertura oficial do próximo día 12 será xa co 100% da Estación operativa: piscina, spa, instalacións deportivas, apartamentos turí sticos e servizos de restauració n ao completo, ademá s da nova oferta de actividades de lecer, natureza e deporte que inclúe roteiros de sendeirismo e marcha noń rdica, parque multiaventura, tirolesa xigante, orientació n deportiva, tiro con arco, paintball ou roteiros dacabalo.

 

 

A través das súas redes sociais, a Estación de Montaña de Manzaneda irá informando puntualmente de cada unha das novidades para a apertura. E tamén dos eventos que xa están programados para o resto do ano e que abarcan desde deporte e aventura ata gastronomía e cultura. En canto ás entradas para gozar da estación, poderán adquirirse anticipadamente a través da páxina web manzaneda.com ou nos despachos de billetes da Estación, en horario de 09:30 a 16:30 horas. A Estación permanecerá aberta desde as 10 ata as 19h.

 

Artigos relacionados

Back to top button