Nun comunicado emitido na mañá do 14 de novembro, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), vén de amosar a súa “máis contundente repulsa polos crimes terroristas de París e desexa expresar a total solidariedade coas vítimas, os seus familiares e con toda a sociedade francesa”.
Deste xeito este organismo súmase aos diversos comunicados de condena emitidos por numerosas institucións, como a Xunta de Galicia ou a Deputación de Lugo, entre outros; así como por diversas formacións políticas. Na comunicación feita pública pola Fegamp, o seu presidente, o alcalde barquense Alfredo García, asegura que “isto non é unha guerra, isto son simple e llanamente crimes contra a humanidade e a civilización”. E nese senso, “unímonos ao chamamento feito pola FEMP e convocamos a tódolos cidadáns de Galicia a concentrarse mañá (15 de novembro) diante do seu Concello e a gardar un minuto de silencio como testemuña de repulsa por estes feitos e de solidariedade con Francia”.