
Entre os asuntos aprobados na reunión celebrada onte, xoves, polo Consello da Xunta estaba o proxecto de acordo polo que se declaran festas de interese turístico de Galicia a Festa da Bica de trives, o Asalto ao Castelo (Vimianzo), a Festa do Percebe (Aguiño, Ribeira) e a Festa das Sopas de Burro Canso (Muíños).
“Unha vez examinadas as solicitudes presentadas e tras os trámites preceptivos, emítese informe favorable ao cumpriren os requisitos exixidos, como a singularidade, o valor cultural, o arraigamento da festa, a creatividade e innovación no desenvolvemento do evento, o nivel de dotación de infraestruturas e equipamentos para a celebración da festa e para a recepción de visitantes, a afluencia de visitantes ou o adecuado coidado das contornas urbanas, monumentais ou paisaxísticas onde se desenvolve”, segundo informa a Xunta.

Unha das dúas novas festas que se incorporan na provincia de Ourense é a Festa da Bica de Trives, que xa leva celebrándose ininterrompidamente desde hai case medio século (1972). “A da veciñanza de Trives no cumio de Manzaneda na última fin de semana de xullo ten a bica como elemento central e emblema gastronómico da comarca. Trátase dun produto gastronómico típico das terras de Trives, profundamente identificado con este territorio que, da man da celebración, se conforma como parte importante da identidade territorial do municipio e da comarca”, tal e como sinala a administración galega.
A primeira fin de semana de agosto é a cita para a celebración da Festa das Sopas de Burro Canso, en Muíños, tamén na provincia de Ourense. A valorización da tradición labrega e o mantemento da tradición veciñal desta festa na capital do Concello, en Mugueimes, é o principal valor desta celebración que leva desenvolvéndose de xeito ininterrompido desde 1990.