Ao longo de tres días, do 14 ao 16 de xuño, a praza Maior do Barco vivía ao ritmo da música de calidade, aderezada con petiscos (en casetas instaladas por 5 bares: Excalibur, 13/14, Veira Sil, Tapería Agarimo e O Buraco) e actividades infantís nunha celebración que reunía nun ambiente único a persoas de todas as idades no berce da vila. A iniciativa é froito de catro amigos do casco vello, que con ilusión, esforzo e moito traballo desinteresado fan posible esta celebración coa colaboración do Concello do Barco (que ademais organizaba a III Feira do Porto da Barca), así como co apoio de marcas comerciais como Mahou, Pepsi, Schweppes, Cufa e Adega Bioca e de diferentes establecementos que colaboran no cartel.
Dous días despois do remate da cita, que reunía a bandas como Mad Martin Trío, Nuevo Plan e Smokey Blue, ademais de ao coñecido músico Miguel Costas; os organizadores, seguían traballando para pechar detalles dunha edición que valoran de maneira moi positiva e que confirma que este cita, nacida hai apenas unha década e que sufría un parón pola pandemia, xa está consolidada no calendario valdeorrés.
Así a festa xurdía no 2016 co fin de dinamizar a praza Maior do Barco, “que estaba bastante decaída a nivel de hostalaría e de movemento de xente. O que naquel entón era o propietario do Veira Sil falou comigo para propoñerlle que fixeramos algo para reactivar a praza e ocorréusenos esta festa do casco vello, onde o bonito da historia era involucrar ao resto dos bares, algo que é moi difícil, pero pouco a pouco fúmolo conseguindo. Organizámola ese primeiro ano, con moito traballo e menos xente, logo veu un segundo e a cousa foi subindo e xa o ano pasado, na quinta edición, xa demostrou que a festa está consolidada porque xa apenas sen publicidade encheuse a praza, sobre todo o sábado, onde se abarrota. É unha festa que xa está forma parte do calendario da xente porque é diferente a outras, traemos música de calidade e moi variada, ao mesmo tempo que gastronomía e reunimos nun mesmo espazo a clientes dos diferentes bares que é algo moi especial. E outra cousa boa que ten a festa é o seu ambiente, que é totalmente diferente, é moi familiar, cos nenos correndo pola praza ou saltando nos inchables, cos pais ao lado. Penso que é unha festa diferente e moi bonita”, explica Manuel Páramo, un dos catro amigos do casco vello que levan a organización.

Ademais Páramo destaca que esta festa faise a base de traballo e voluntarismo, xa que o orzamento á practicamente simbólico. “Coñezo a músicos de toda a Galicia, teño amizade con eles, e ademais traballamos con moitísima antelación, e logo está o trato que lle damos, de feito, todos os que veñen queren volver, por exemplo, Nuevo Plan xa estivo o ano pasado. Ademais estamos falamos de músicos de calidade. O valor é ese. E logo o traballo facémolo todos nos, limpamos o solo, montamos as casetas… O bar chega ao posto con todo xa montado”, comenta Manuel Páramo, que xunto a Ramón González, José Páramo e Ángel Fernández, son os catro amigos do casco vello que organizan a festa e tamén colaboran algúns bares.
Cada un ocúpase dun apartado da festa: Manuel organiza e coordina os grupos, Ramón encárgase do almacén e da contabilidade, Ángel vai buscar ás bandas e ocúpase delas e José leva o mantemento (eletricidade, fontanería…) “para que a cousa funcione”. Malia ao traballo que isto supón, amosan a súa satisfacción porque a festa resultou moi ben, viviuse un bo ambiente e a xente trasladoulle as súas felicitacións. A idea é continuar e, de feito, xa están pensando na vindeira edición.
Fotos: A.R.