OurenseÚltima hora

A Garda Civil incauta roupa falsificada en dous vehículos que circulaban pola A-52, á altura da Gudiña

Foi durante un dispositivo para inspeccionar o transporte de mercadorías por estrada realizado con furgonetas

Axentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense, en colaboración con gardas civís da Comandancia da Garda Civil provincial, levaban a cabo un dispositivo operativo masivo (DOMA) na madrugada do 14 de febreiro no Km 132 da autovía A-52 (Benavente-Porriño), próximo á localidade da Gudiña, co fin de inspeccionar o transporte de mercadorías por estrada realizado con furgonetas, así para como levar a cabo inspección de velocidade, alcohol, drogas. Nel inspeccionáronse numerosos vehículos deste tipo.

Neste dispositivo “constatouse que 24 vehículos superaron o límite de velocidade regramentario e formuláronse 11 denuncias ao Regulamento de Transporte, detectándose un camión que facía uso indebido de gasóleo bonificado. Tamén se realizaron máis de 40 probas de alcoholemia, cun resultado negativo en todas elas”, segundo se informa dende a Garda Civil.

Ademais no decurso desta actuación, e tras examinar a mercadoría transportada nos vehículos, a Garda Civil comprobaba que en dúas furgonetas había prendas de vestir cuxas marcas tiñan sido presuntamente falsificadas. Así nunha da marca Mercedes Benz dunha empresa de mensaxería atopábanse: 710 packs con roupa interior masculina da marca Calvin Klein, 180 pares de calcetíns de diferentes marcas, 30 pares de zapatillas deportivas da marca Nike e 24 caixas de roupa interior feminina da marca Calvin Klein, segundo a información feita pública pola Garda Civil. E noutra furgoneta marca Fiat, doutra empresa de mensaxería e procedente da provincia de Pontevedra, encontraban 395 conxuntos de roupa deportiva das marcas Adidas, Nike, Fila Levi’s.

Instruíronse dilixencias pola comisión dun suposto delito contra a propiedade industrial que se remitiron ao Xulgado de Instrución de Verín, xunto coa ropa falsificada.

Artigos relacionados

Back to top button