OurenseÚltima hora

A Gudiña impulsa a creación dunha reserva da biosfera no sureste da provincia

Publicidade

 

A Xunta ofrecerá axuda e colaboración aos traballos para impulsar a creación dunha nova reserva de biosfera no extremo sureste da provincia de Ourense. Este foi un dos compromisos asumidos pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que mantivo unha reunión co alcalde da Gudiña, José María Lago, un dos promotores do proxecto, que serviu para coñecer as diferentes iniciativas e proxectos de interese deste municipio.

Vázquez Mejuto brindoulle a colaboración técnica da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para asesorar aos concellos nos trámites iniciais para impulsar esta declaración da Unesco, coa que poñer en valor esta zona de Ourense. Trataríase da cuarta reserva de biosfera para a provincia, que se sumaría á de Allariz, á transfronteiriza do Xurés-Gerês e a última nomeada, Ribeira Sacra; e sería a oitava de Galicia.

Outro dos puntos de interese da reunión coa Gudiña foi a posibilidade de definir unha área loxística para facilitar a implantación de empresas e industrias, coas que xerar oportunidades de emprego neste concello.

A conselleira indicoulle ao rexedor que o Instituto Galego de Vivenda e Solo estudará a posibilidade de potenciar esta área no municipio, que conta cunha posición estratéxica, ao ser unha das entradas da Comunidade, tanto desde a zona do Bierzo, en Castela e León, como desde o norte de Portugal.

Artigos relacionados

Back to top button