OurenseÚltima hora

A historia do Outono Fotográfico a través dunha exposición en Braga (Portugal)

Encontros da Imagem inaugura este domingo unha retrospectiva do festival galego con 35 anos de traxectoria

Despois de máis de tres décadas sendo o referente da fotografía en toda Galicia, o Outono Fotográfico baixaba o pano da súa traxectoria. “35 anos de historia interrumpidos de forma unilateral, opaca e desleal polo goberno local de Ourense que incumpriu os seus compromisos orzamentados co festival”, en palabras de Xosé Lois Vázquez, ex director do OF. Mais a memoria do festival permanecerá viva en cada un dos traballos amosados, en cada fotografía, en cada autor, en cada sala…

Nos últimos anos, o Outono Fotográfico tiña feito un esforzo pola internacionalización a través de intercambios con outros festivais de fotografía e institucións de medio mudo, nomeadamente nos países lusófonos. É así como, convidada polos Encontros da Imagem, a Asociación Outono Fotográfico leva a Braga unha mostra historiográfica na que, alén de falar da historia e intrahistoria do festival galego, mostra materias editados polo festival ao longo de 25 anos.

“Era necesaria esta exposición para visualizar a dimensión do traballo feito e para rendir homenaxe ás autoras e autores, ás entidades colaboradoras e patrocinadoras, a Benito Losada e á equipa do festival”, asegura Benito Losada. “Non deixa de ser paradóxico como no estranxeiro valoran moito máis o Outono Fotográfico que o propio Concello de Ourense”, di Vítor Nieves, quen foi o curador do festival.

Outono Fotográfico 1983–2017 é a exposición central nesta edición do festival portugués, que estará no Mosteiro de Tibães desde este domingo día 23 ata o 28 de outubro. A mostra, curada por Xosé Lois Vázquez e Vítor Nieves, fai un repaso a través da gráfica cos carteis dos 35 anos, os programas, os catálogos editados así como libros da colección OF, ou pezas escultóricas do propio X. L. Vázquez expostas por primeira vez e que foron protagonistas da imaxe de cada ano. A mostra complétase coa mediametraxe MakinOF, un muro-memoria cos nomes dos 1.286 autores e autoras que teñen fotografías editadas nos catálogos entre 1983 e 2016 [en 2017 o catálogo está sen editar] e ata algunhas das lonas empregadas en edificios e museos de Ourense.

Ademais, os Encontros da Imagem inaugurará outras tres exposicións que o Outono Fotográfico ía programar en espazos galegos e que ao non poder celebrarse so poderán verse en Braga, como é o caso da de Tamara Wassaf e o último Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. Tamén se poderá visitar unha grande mostra colectiva de 14 autores galegos que, curados por Xosé Lois Vázquez, traballaron baixo a premisa das Ocultacións e Inexistencias un título “acaído para os recentes acontecementos que acabaron co festival galego OF”, sentencian dende o festival.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button