Representantes da Indicación Xeografica Protexida Castaña de Galicia mantiñan esta semana unha reunión co conselleiro do Medio Rural, José González, na que se abordaba as actuacións de loita contra o chancro e a praga avespiña do castiñeiro nos soutos da comunidade. No seu decurso, o conselleiro sinalou que se están a desenvolver estas semanas as soltas de Torymus sinensis (depredador natural da avespiña), ao tempo que se está a constatar o establecemento do parasito nos soutos galegos. A maiores, recalcou que tras os tratamentos do ano pasado contra o cancro preto do 40% dos pés analizados cicatrizaron parcial ou completamente.
Na xuntanza -á que tamén acudiron o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos-, o titular de Medio Rural destacou que este ano se están a investir máis de 2,2 millóns de euros para soltar 1,6 millóns do parasito Torymus sinensis. No caso do cancro, a Xunta destinará entre os anos 2021 e 2022 máis de 635.000 euros para inocular 32.000 pés na nosa comunidade.
Na reunión, José González definiu como clave a conservación e recuperación dos soutos galegos en xeral e da produción de castañas en particular, “xa que Galicia é a principal comunidade de España en produción e exportación deste froito, superando os 20 millóns de quilogramos anuais que se traducen nun valor estimado comercializado que sobrepasa os 50 millóns de euros”.
Nesa liña, lembrou as medidas contempladas ao abeiro do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 co obxectivo de actuar en 8.000 hectáreas para recuperar soutos tradicionais, mentres se plantarán outras 16.000 ha tanto para a produción de castaña como para a xeración de madeira.
Sobre o Plan de recuperación dos soutos tradicionais de Galicia, o conselleiro destacou que busca poñer en valor a produción de castaña mediante a identificación e a caracterización dos soutos ata a implantación dun modelo de aproveitamento do froito, de forma que a súa transformación se faga nas propias zonas produtoras, mantendo sempre a propiedade dos terreos nos habitantes das aldeas e procurando fórmulas de tipo cooperativo ou asociativo para a súa xestión conxunta. O plan quere impulsar, ademais, a especialización do turismo arredor da actividade económica de explotación da castaña.
Unidade dos soutos e Mesa da Castaña
O titular de Medio Rural tamén apuntou que se está a traballar na creación, dentro da Consellería, dunha unidade dos soutos, que se dedicará exclusivamente á xestión deste recurso tan importante para Galicia. Esta unidade será a que desenvolva no seu conxunto o Plan de recuperación para o castiñeiro, diferenciando con exactitude aqueles soutos tradicionais das novas plantacións de castiñeiros, unha vez se conte cos datos do Inventario Forestal Continuo.
Así mesmo, José González sinalou que se lle dará un pulo á Mesa da castaña, o órgano colexiado de carácter consultivo e asesor no que ademais da Administración autonómica están representados os principais axentes sociais e económicos galegos relacionados con este froito, co obxectivo de consolidar aínda máis o sector pola vía da calidade diferenciada.