ConcellosÚltima horaViana do BoloVilariño de Conso

A la das ovellas da granxa A Ciruxana (Viana e Vilariño de Conso), no encontro “Ven y Punto” en Ourense

Este evento de tecedores celebrarase o 17 de setembro no espazo arredor da fontes das Galerías Centrais de Ourense

Xoán, responsable da Granxa A Ciruxana, con sede en Vilariño de Conso e pastos no municipio de Viana./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Mañá sábado, 17 de setembro, o espazo arredor da fonte das Galerías Centrais de Ourense (na rúa do Paseo) será sede do evento “Ven e punto” que, na súa primeira edición post-pandemia, e sexta edición desde que naceu, reunirá a tecedoras e tecedores para compartir durante todo o día a calceta e o ganchillo, e a vida que hai e que se xera arredor da la.

Lola García “Logaro” é deseñadora con carta de Artesá de calceta, ganchillo e “patchwork, xerente de Hilokune e a artífice deste evento anual, excepto nos anos de pandemia. Esta sexta convocatoria, igual que as anteriores, é aberta a todas as persoas interesadas que se apunten con tempo, e todas, polo feito de asistir e participar, volverán a casa cunha bolsa chea de agasallos do sector lanero, xa que Lola conta co apoio de moitas marcas e artesáns, o que demostra a capacidade para unir e crear sinerxias que ten o seu evento, e ela como cara visible.

Ademais de compartir e practicar afección, os participantes coñecerán de primeira man o novo proxecto da artesá: pezas deseñadas por ela e elaboradas con la de ovellas galegas 100%, criadas en varias aldeas, entre elas, a granxa “A Ciruxana”, con sede en Viana do Bolo e pastos neste municipio pero tamén no de Vilariño de Conso. Á fronte dela está o gandeiro Xoán González, de Vilariño.

Este é o prato forte desta edición, polo que significa para a recuperación e posta en valor do sector primario. O evento “Ven y Punto” será o marco para dar a coñecer a nova colección totalmente galega e a nova peza chamada “Louredo”, inspirada no bosque autóctono do mesmo nome, no concello de Barbadás, onde reside Lola e onde organizou os seus primeiros talleres como artesá a finais dos 90.

Acto: Ven y Punto
Data: Sábado, 17 de setembro de 2022
Hora: De 10.00h a 14.00h.

Ás 10.00, benvida ás participantes e entrega das bolsas. A partir das 10.30 iniciamos tece-cháchara, para ir quentando motores e agullas. Á 11.30 presentación sorpresa. Que será, será? Pista: técese, obvio, é moi especial e moi de aquí. Ás 12.00 iniciamos o tece-xuntas, + cafecito con doce a cargo do Café Central. Sorteos desde das 13.30. Ás 14.00 despedida.

Artigos relacionados

Back to top button