En portadaÚltima hora

A memoria do “Entrudio” vianés, rescatada e compartida nas redes

A través da canle de youtube "Entrudio Viana do Bolo", creada recentemente, estanse a emitir antigos vídeos e imaxes desta festa. Ademais trabállase nun documental sobre as "Comparsas"

Traxe de Boteiro./ Foto: A. Ortiz.

 

Neste Entroido tan atípico, os vianeses non se resignan e, aínda que doutro xeito e tirando de enxeño, apostan por seguir vivindo e compartindo esta tradición que levan tan dentro. Unha das iniciativas é tirar do fío da memoria, das lembranzas dos maiores e tamén do antigo material audiovisual que retrata a experiencia da festa décadas atrás e, ademais, facer partícipes aos veciños dela. Con ese fin nacía hai uns días a canle “Entrudio Viana do Bolo”.

Detrás desa iniciativa, que conta co apoio do Concello de Viana do Bolo, está a Asociación A Robreda. Pero a base do proxecto non sería posible sen o interesante material aportado por Andrés Ortiz, un dos membros da entidade. “A idea era recordar os momentos do Entroido antigos que eu tiña gardados, porque o meu pai e o meu tío tiveron a finais dos anos 80 e principios dos 90 unha tenda de fotografía en Viana do Bolo. Eles gravaban os Entroidos para ver se podían vender algunha cinta. Ese material quedou aí, no esquecemento, e este ano recupereino, dixitaliceino e vin que era un momento ideal para sacalo á luz”, explica Andrés Ortiz.

 

Andrés Ortiz, xunto a outros membros da Asociación A Robreda de Viana./ Foto cedida por A. Ortiz.

 

E así se está a facer dende a canle Entrudio de Viana do Bolo, cunha unha serie de directos onde se pode ver este material que achega o Entroido do pasado neste municipio. “O Xoves de Comadres reproducimos en directo un vídeo do desfile de disfraces do CEIP Bibei, que é algo que se fai dende hai moitos anos. Mañá, 14 de febreiro, reproduciremos unha serie de vídeos tamén de desfiles do Domingo Gordo: o do ano 90, o do ano 93 e o do ano 96. E despois, o Luns faremos outro directo con imaxes doutros momentos do Entroido, de xente botando fariña, de todo o que recuperamos…”, adianta Andrés Ortiz.

Ademais este vianés, que se confesa un namorado do Entroido (toca no folión dende que era pequeno e tamén ten saído de Boteiro), participa nun proxecto para realizar un documental sobre as “Comparsas” de Viana, antigas comitivas carnavalescas que percorrían as aldeas vianesas nas datas da festa que se perdían a principios da década dos 90. Eran recuperados hai 2 anos da man do Grupo de Traballo do Entrudio de Viana, do que ademais de Andrés Ortiz, forman parte Jorge Domínguez, Antucho Espinosa (principal promotor da súa recuperación no 2019), Pedro Basalo, Ángel Macía, Gabriel Rodríguez, Carlos Rodríguez e o grupo Tómalle Outra.

 

Andrés Ortiz./ Foto cedida por A. Ortiz.

 

“Comezamos con isto hai un par de anos, indo polas aldeas a entrevistar á xente para que nos contara que eran as comparsas. A idea era preparar un documental grande e potente, pero o Covid-19 cortounos a gravación no medio, non puidemos continuar co traballo, coas visitas… Pero como xa lle metimos ese gusaniño no corpo a esas persoas co tema de que estabamos a facer ese traballo, pois este ano tamén vimos a posibilidade de botar un adianto a través da canle de youtube, onde se pode ver parte dese material reunido”, comenta Ortiz.

 

 

Confesa que o das comparsas foi un “mundo que me sorprendeu. No noso grupo de traballo só había unha persoa, Jorge, que as vira, os demais nunca presenciaramos unha comparsa, só a puidemos ver nos vídeos que nos cederon e nas fotos”. De tamén o afán por dar a coñecer esta expresión xenuína do Entroido vianés aos máis novos.

 

Imaxe dunha disputa da Comparsa, recuperada no 2019./ Foto: A. Ortiz.

 

“O que fixemos foi levar este adianto do documental ao IES Carlos Casares de Viana e grazas a Ovidio Vilar, un dos profesores, puídose ver o vídeo en todas as clases o Xoves de Compadres. Para eles todo isto é novo, algúns vírona nestes dous anos nos que se volveu representar, pero realmente non saben a historia da comparsa, que é algo que é parte do noso Entroido, pero que se perdeu e que é importante recuperala”, sinala Andrés Ortiz, quen ademais resalta a relevancia que tiña a comparsa para todos aqueles que participan nela.

 

Membros do Grupo de Traballo do Entrudio de Viana do Bolo realizando unha entrevista para o documental “Comparsas”./ Foto: A. Ortiz.

 

“Nas entrevistas aos maiores ves esa emoción e eses sentimentos que lles esperta falar da comparsa, porque era algo que vivían durante todo o ano. As mulleres, por exemplo, pasaban todo o ano cosendo os traxes, os homes quedaban a ensaiar a disputa durante todo o ano tamén…, entón era algo que non quedaba só nos días do Entroido. Eses recordos son tan bonitos para eles que algunhas persoas emociónanse ao falar das comparsas”, asegura Ortiz.

A intención deste grupo de traballo é poder rematar o documental no 2022. Entre tanto, pode verse este pequeno adianto na canle Entrudio de Viana, que nace, ademais, con vocación de continuidade. “Na reunión que tivemos falouse de que esta canle se manteña no tempo e incluso coa idea, de cara ao ano que vén, de facer directos dende a praza Maior, por exemplo, e continuar recuperando material antigo. Sería unha maneira de que xente que non está aquí vivindo o Entroido poida achegarse un pouco a el”, comenta Andrés Ortiz.

Texto: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button