
Chega a décima edicion do cilo De Perto e faino cun “recanto especial” adicado ao poeta corgomés Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado neste 2022 nas Letras Galegas. De feito dos oito espectáculos programados, catro estarán vencellados co autor valdeorrés. Así o destacaba esta mañá na presentación do programa desta mostra adicada ao mundo da oralidade a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta. “Contarase con diferentes voces valdeorresas que resaltarán a figura e a obra de Florencio, recitandoa, cantándoa e homenaxeándoa”, engadía a edil.
Entre as voces valdeorresas do programa, que se desenvolverá do 1 ao 15 de xullo, estarán as da poeta Fátima Delgado, o cantautor Anxo Rei, o actor e músico Campo Campos, xunto ao traballo audiovisual de Domingo D. Docampo; ou a formación teatral Os Furafollas.

Tamén valdeorresa é a creadora do cartel promocional do De Perto, trátase da vilamartinesa Celia Rei, ilustradora que acostuma asinar os seus traballos como Rey Cabezudo.
O resto do programa centrarase na narración oral da man de voces recoñecidas tanto no panorama español como internacional como é o caso de Carolina Rueda, Pep Bruno ou Eugenia Manzanera. O broche desta edición virá da man dunha obra de teatro en pequeno formato, “A parábola do Angazo”, a cargo de Talía Teatro.
O total das actuacións desenvolveranse nos Xardíns da Casa Grande de Viloira (O Barco) ás 20h., agás o de “Cantarenas” de Paco Campos e a obra de teatro de Talía, que serán ás 22:30h.