
“Geolodía” está considerado o maior evento de divulgación científica ao aire libre de España. Trátase dunha iniciativa organizada pola Sociedade Xeolóxica de España, co apoio da Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía, con actividades en diferentes puntos do país. Así, na fin de semana do 11 e 12 de maio van realizar 64 excursións de divulgación da xeoloxía, a maior parte delas en España, pero tamén noutros países.
Aqueles que asistan ás excursións presenciais poderán descubrir a estreita relación entre xeoloxía e vida cotiá a través de orixinais e sorprendentes propostas, como coñecer que houbo un supervolcán en Galicia, que o estreito que unía o Atlántico e o Mediterráneo pasaba por Níjar en Almería, o aspecto que tiña Madrid fai uns 14 millóns de anos ou cales son os ingredientes necesarios para xerar un glaciar en Ávila. Outras destas citas convidan o público a descubrir que a xeoloxía non ten fronteiras cun Geolodía en Andorra, dous Geolodías Transfronteirizos con Portugal e Francia e, por primeira vez, 8 Geolodías en México.
No caso da provincia de Ourense o lugar escollido para esta conmemoración son As Borreas de Caldesiños (Viana do Bolo), unha impresionante mina de ouro romana. “É un interesante exemplo de minería romana tipo Médulas, de menor tamaño que as leonesas Médulas de Carucedo, pero de gran beleza e interese xeolóxico”, aseguran os promotores. Victor Barrientos, que dirixirá a actividade, é profesor da Escola de Enxeñeiros de Camiños da Universidade da Coruña e conta con ampla experiencia en divulgación científica.
Para incribirse nesta actividade hai que enviar un correo á dirección victor.barrientos@udc.es
Máis información: https://geolodia.es/geolodia-2024/
