A Pobra de BrollónConcellosCulturaCulturaMonforte de LemosÚltima hora

A Muradella, na serra lucense do Moncai, un monumento único en Galicia e de case 5.000 anos de antigüidade

As análises das mostras tomadas na intervención arqueolóxica deste verán demostran que se trata dunha colosal estrutura megalítica coñecica como "cairn" con forma circular. Está situada entre os concellos da Pobra do Brollón e Monforte de Lemos

O círculo de pedras da Muradella./ Foto: Carlos Rueda.

 

Desvélase o misterio sobre a orixe da Muradella, unha enorme estrutura de pedras con forma circular de ata 16 metros de diámetro situada no punto máis alto da Serra do Moncai, entre os municipios lucenses da Pobra do Brollón e Monforte de Lemos. As análises das mostras tomadas polo equipo de investigadores que interviñan por vez primeira neste xacemento veñen a confirmar a súa principal hipótese: trátase dunha estrutura megalítica coñecida como cairn.

“Estes cairns son túmulos (enterramentos prehistóricos) que, a diferenza das mámoas ou medorras de terra, tan coñecidas na contorna, están construídos integramente pola acumulación de pedras”, explican dende o equipo dirixido polo arqueólogo da Universidade Complutense de Madrid, Rodrigo Paulos Bravo, está formado por profesionais de varias institucións españolas e portuguesas, como a Universidade Nova de Lisboa ou o Centro Superior de Investigacións Científicas.

Aínda que os traballos de campo xa permitían reunir gran número de indicios que apuntaban nesa diercción, foi a recente datación por radiocarbono (o ben coñecido Carbono 14), recollida baixo a supervisión de Cruz Ferro, edafóloga do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC), a que terminou definitivamente co misterio. A mostra, tomada dun nivel de incendio inmediatamente anterior á construción do monumento, e en directo contacto con este, lanzou unha data de comezos do terceiro milenio a.C. (entre o 2900 e o 2700 a.C.). Isto, unido aos resultados dos traballos de escavación, permite afirmar con rotundidade que A Muradella é en realidade un cairn.

 

Fonte: Proxeco A Muradella.

 

Este tipo de estruturas son bastante típicas da costa atlántica, de zonas como Bretaña, Irlanda, Gales…pero no noroeste da península ibérica non existe ningún monumento megalítico que estea todo feito en pedra. “É máis, o muro que atopamos na escavación probablemente, do que se coñece ata hoxe, é o muro de mampostería máis antigo da historia de Galicia”, resalta Xurxo Ayán, outro dos membros do equipo.

Se ben non é o primeiro cairn coñecido de Galicia, si que se trata, “polas súas características, dun monumento único”, resaltan os investigadores. E iso por varios motivos. En primeiro lugar, a súa cronoloxía, “moito máis antiga que os cairns coñecidos na contorna, está relacionada cos últimos picos de megalitismo atlántico, ocorridos en torno ao cambio do IV ao III milenio”. Doutra banda, o seu tamaño, duns 16 metros de diámetro e uns 3,5 metros de altura, “dista moito do dos atopados na Serra do Xistral (Lugo)”. Por último, o feito de que este cairn presente unha cámara central, “onde se situarían os restos humanos hoxe desaparecidos na Muradella, tamén o diferencia dos seus paralelos máis próximos, como Outeiro de Gregos 5 e a Mámoa 4 de Meninas de Crasto, situados na portuguesa Serra dá Aboboreira; ambos os cairns sen ningún tipo de estrutura central”.

A localización do xacemento

Máis aló dos aspectos puramente estruturais, a situación xeográfica da Muradella, no máis alto dun gran promontorio cunha total visibilidade das concas de Lemos e Bóveda/Brollón, leva aos investigadores a expor a posibilidade de que se trate en realidade dun “emprazamento buscado, como eixo vertebrador e simbólico dun territorio, algo moi observado e estudado no megalitismo do norte do Atlántico”, resaltan.

Deste xeito, e xunto a outros argumentos arqueolóxicos presentes no noroeste peninsular, A Muradella álzase “como o reflexo dunha aparente continuidade do influxo atlántico no territorio durante o Neolítico Final (entre o 3300 e o 2500 a.C.), facendo ver o importante que é profundar na investigación deste crisol de influencias que é a Terra de Lemos”, din dende o equipo.

Artigos relacionados

Back to top button