En portadaEntrevistasÚltima hora

Xabier Díaz: “A música tradicional pode ser tremendamente vangardista e contemporánea”

Xabier Díaz, acompañado polos irmáns Gutier e Javier Álvarez e polas Adufeiras de Salitre, presentará en Trives o 17 de agosto ás 22h. Noró, algunhas músicas do norte. “Vai ser un concerto diferente e moi especial”, adianta nesta entrevista
Xabier Díaz, nunha actuación./ Foto: Carlos G. Hervella.

Tras case catro décadas de traxectoria na música tradicional galega, o cantante, compositor, docente e investigador Xabier Díaz (A Coruña, 1969) decidía iniciar un proxecto singular, volvendo á esencia e apoiándose nas recollidas realizadas polo rural ao longo de 25 anos. Un proxecto ademais compartido cos músicos triveses Gutier (violín e zanfona) e Javier Álvarez (acordeón diatónico) e coas Adufeiras de Salitre, alumnas súas. O primeiro resultado dese traballo conxunto era o exitoso The Tambourine Man (2015).

O seu novo disco Noró, algunhas músicas do norte, publicado en febreiro deste ano, supón unha nova etapa nesta aventura musical compartida. Un proxecto do que subliña o seu carácter coral e no que destaca a valiosa aportación dos irmáns Álvarez. “Teño unha especie de débeda con Trives porque o regalo é moi grande, estou falando de dúas persoais excepcionais, moi especiais e que nos axudaron a formular isto. No trazo sonoro dos dous discos a súa participación é fundamental, soan así por eles”.

Resalta que “isto non é a típica proposta dun solista que, de repente, vaille pedindo algo concreto a cada músico, non, isto é algo moi diferente, é unha cousa tramada e confeccionada dun xeito distinto e moi coral dende o principio e ese é tamén un dos éxitos do proxecto. Aínda que eu sexa a cabeza visible, non podo dicir que este é o meu proxecto, se nalgo acertei foi simplemente en poñer as pezas en común, en telas xuntado e en deixar que a música fluira, permitir unha certa porosidade para a participación dos elementos. Eles axudáronme moito”.

De aí que o concerto que darán o vindeiro 17 de agosto ás 22h. no Patio de Santa Leonor de Trives resulte tamén para Xabier Díaz moi especial. “Será diferente porque é marabilloso pensar que despois de tocar en Lisboa, Oslo, Glasgow, Madrid, Lorient e en tantas e tantas cidades europeas, españolas ou galegas, pois Javier e Gutier terán a posibilidade de tocar diante da súa propia xente que viu como se formaban como músicos e como persoas. Para min iso será tamén moi especial dende logo, sentireino como se fora trivés e estivera vivindo esa emoción”, confesa.

“The Tambourine Man” e “Noró” son froito dun proxecto no que decidía embarcarse hai catro anos, no que se mestura a súa bagaxe, coas recolleitas de campo, coa docencia… ¿por que sentiu a necesidade de impulsalo?

É a resultante de todas esas cousas. Por unha banda é unha cuestión de traxectoria, por outra tamén está o apartado docente, que me acompaña mesmo antes de dedicarme profesionalmente á música. E logo as recollidas, por suposto, que forman parte dunha maneira incluso máis aló da estrictamente musical que é a emocional, e seguramente ten máis que ver con esa parte máis conceptual deste proxecto, sobre todo desta segunda entrega. É dicir, volvo a mergullarme outra vez no meu cancioneiro particular, nas recollidas que eu fixen de primeira man e que posúen unha pegada metade emocional e metade musical. Para min non é o mesmo, por poñer un exemplo, facer música con materiais que proveñen de cancioneiros que non fixen eu, que estar permanentemente relembrando aqueles lugares polos que pasei, as persoas coas que convivín, que me regalaron o seu tempo, a súa sabiduría… Iso vai máis aló do estritamente musical, para min foi moi importante.

Fala do valor das vivencias ligadas e ese proceso de recollida…

Si, é que hai moita intrahistoria da que a maioría das veces parte da xente non é consciente. Eu xa hai moito tempo que non poño o acento en que gravei esta peza en tal lugar, a tal persoa, en tal ano, sen embargo cando estou facendo música lembro mesmo paisaxes sonoras, momentos e ata a época do ano na que gravei algo e todo iso lévame a pescudar en carpetas diferentes. Estamos falando dun patrimonio inmaterial per se, pero aí  hai cuestións non tan plausibles, como a do convivio e a parte humana, que para min inflúen moito.

 

Xabier Díaz tocando cos irmáns triveses Gutier e Javier Álvarez./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

¿Tiña claro dende o principio como ía ser a parte instrumental e a vocal neste proxecto?

Honestamente, con respecto á parte instrumental, a primeira entrega foi tan positiva a todos os niveis que agora mesmo aínda que tivera que facer o exercicio de pensar nun ensemble diferente custaríame moito traballo, estou nese punto quilométrico de congratularme de ter tomado a decisión por moitas cousas. Quizais tamén estea relacionado co que explicaba antes, polo que vai máis aló mesmo da música, é dicir, non só son as adufeiras e unha persoa que toca o acordeón e outra que toca a zanfona…, é que todo vai un pouquiño máis aló. Aprendín durante todos estes anos na música que empatizar coa xente coa que ía traballar e ter un clima de traballo positivo era un factor determinante, e está sendo xenial.

¿Que lugar ocupa a muller no proxecto, non soamente pola parte das adufeiras senón tamén polo que significou a súa figura como transmisora dos cantos, desa tradición musical?

Nas enquisas que fixen nas aldeas durante 25 anos por riba dun 80% das informantes eran mulleres, así que é obvio que nese sentido o país ten un debe, e ten un debe dende o meu punto de vista por moitas cousas. Primeiro porque iso non acabou de visualizarse dun xeito demasiado plausible. Andamos permanentemente con esas desputas dentro das Letras que sempre se lle acaban concedendo a homes, pois a min encantaríame que un ano lle dedicaran as Letras ás mulleres anónimas que trasladaron todo ese acervo popular, toda esa literatura popular con maiúscula, feita dende a maior das virtudes, das sutilezas, do enxeño, da retranca… Aínda non trascendeu un recoñecemento público e social á altura cando menos dos que se lle fixeron aos cuartetos de gaita insignes ou aos solistas, que por suposto, son merecedores deles, pero aí si que hai unha desigualdade obvia e que a min me gustaría que nalgún momento determinado se corrixira.

E no noso proxecto é moi obvio o papel da muller, xa non digo a coparticipación. Hai moita xente que me di que no segundo disco as adufeiras teñen moita máis presenza que no primeiro e mesmo que teñen moita máis que quen che fala. Non é nada premeditado, senón algo natural, é dicir, a súa presenza é moi arrolladora, ten moitísima forza, moita personalidade e maniféstase non como un coro de acompañamento dun solista e eu alégrome moito disto. Paréceme tamén que hai unha especie de metáfora no sentido de que eu botara 25 anos facendo eses traballos de campo e que agora teña a posibilidade de compartilos. Converterme por un momento nun eslabonciño máis da cadea de transmisión para min xa é un privilexio e a parte sei que elas o ven desa maneira.

¿Que supón este segundo traballo, “Noró”, no marco do proxecto?

Volve ser unha homenaxe a toda esa xente do rural á que aludía ao principio e unha ollada ao norte. Ademais quería ser unha pequena reivindicación no sentido de que cada vez que saimos fóra notamos que hai unha visión que leva á xente a pensar que a península é soamente sur e, obviamente, hai un norte moi importante, moi presente no musical tamén. No norte hai sociedades moi fortes con vínculos ao propio tremendamente importantes, como son as linguas que nos diferencian, e cun sentido de pertenza a este lugar. Por iso apetecíame que, dende a ollada máis internacional, pouco a pouco se vaia poñendo atención e vendo que non toda a península se viste de lunares.

 

Xabier Díaz, cos irmáns Álvarez e as Adufeiras de Salitre./ Foto: Carlos Abal.

 

¿Como son estas músicas do norte da península, que as fai diferentes?

Penso que nós alimentámonos das músicas que estaban agochadas en lugares quizais non tan accesibles como as vilas ou as cidades. Non creo que esteamos facendo unha revisión do folclore chamémoslle máis urbanita ou incluso máis recente, senón que nos interesa esa ollada a estruturas, a melodías e a cores un pouco máis arcaizantes. Entón volvemos outra vez a incidir nas melodías máis arcaicas, moi modais, que quizais para os ouvidos máis occidentalizados soan un pouco exóticas ás veces. O noso ten moito máis que ver con esas músicas que se reproducían nas aldeas, mesmo no século XIX; que co folclore digamos urbanita do século XX, daqueles coros de principios de século que tan ben representan outras formacións que hai no país, por exemplo, ou dos cuartetos de gaitas.

Teño a sensación de que bebemos de fontes, aínda que moi achegadas, tamén diferentes. Nós nutrímonos moito máis das peles dos carneiros e das ovellas, da zanfona, de cordas frotadas, de melodías modais… Hai algo aí de pulso da terra, metemos moito máis as mans na propia terra e quedamos con esa parte máis arcaica precisamente porque nos parece per se a máis vangardista. Reinterpretámola e procuramos volver a mirar, pero intentando abstraernos de toda esta información que dalgunha maneira foi construíndo o folclore e a música popular do século XX e tamén do século XXI. É como facer unha especie de salto atrás para reescribir dende unha perspectiva diferente.

A música tradicional pode ser tremendamente vangardista e contemporánea e nós estamos tendo o pálpito de que un ensemble deste tipo en moitos países resulta máis sorprendente e exótico que certo tipo de formatos dos anos 80 ou 90 que no exterior son recoñecibles porque hai países, músicas e xéneros que xa incidiron nese tipo de formulación e, de feito, nós tamén estamos comprobando esa sorpresa fóra.

Ademais isto implica aportar e transmitir determinados aspectos e matices da música tradicional que quizais, de non así, poderían perderse nun momento no que o mundo rural esta desaparecendo…

Si, iso é moi importante. Sempre nos concertos teño como unha especie de berro case guerreiro e de tribo de que viva a música tradicional. Dalgunha maneira é un viva a todo ese mundo rural co que empatizo e no que me sinto realmente ben, creo que a humanidade vai nunha dirección absolutamente equivocada. Eu recoñézome nese medio, por iso cando tocamos lonxe das cidades, en lugares nos que a comunicación é un pouco máis complicada  hai algo aí de comuñón, de saber que son eses sitios nos que perduraron todas estas cousas que a nós fannos vivir a música desta maneira, e iso é tamén moi especial.

¿Que ten suposto a partipación dos irmáns Álvarez neste proxecto?

Isto fixémolo dunha maneira absolutamente coral, tremendamente compartida. Na paisaxe sonora dos dous discos a participación dos dous é fundamental. Eles axudáronme moito nun aspecto no que, de ter traballado con outro perfil de xente, resultaría moito máis difícil. E explícome, dende o principio eles sentíronse cómodos para propoñer cousas que a priori se escapaban dos formatos comúns ou habituais, ou das sonoridades que a nós nos parecían máis tópicas. As súas achegas ás veces parecían vangardistas de máis ou moi diferentes ao que nós concebiamos como estándar da música tradicional ou da música popular, e eu estoulles moi agradecido porque foron capaces de mirar distinto e iso é unha virtude que ten a xente que é curiosa, non son de acomodarse. E niso síntome moi afortunado.

O cantante Xabier Díaz./ Foto: Carlos G. Hervella.

O feito de que a presentación de “Noró” na provincia de Ourense sexa, en Trives tamén será un motivo de satisfacción, falamos nun concello do rural e de montaña… 

Si, ten moitos atractivos. Un é precisamente ir a un deses lugares nos que quedou todo gardado nunha arca e no que fumos abrindo esas artesas para ir descubrindo marabillas, entón tocar neses epicentros resulta fantástico porque é alí onde nacían eses mananciais, dalgunha maneira é facer esa viaxe á orixe. Nese sentido todo cobra moito significado.

Por outra parte, cando escapas do eixo atlántico e tocas no interior hai unha incógnita moitas veces na resposta do público porque non é tan habitual actuar en certas latitudes. Iso supón para nós un pouco de incerteza e de aventura. A min gústame ese atractivo de descubrir cal vai ser a reacción da xente que nos vaia escoitar. Isto ten un punto de exploración que lle dá moito sentido á profesión, porque ao fin e ao cabo un o que pretende é entrar en contacto con públicos novos, e a min resúltame agora mesmo tremendamente sedutora a idea de ir tocar a Trives.

¿Que vai poder ver e escoitar a xente que se achegue ao concerto o vindeiro 17 de agosto?

Será unha especie de superposición dos dous discos, case como un destilado ou como se algo se estivera decantando, fomos collendo as partes do repertorio que a nós nos parecían máis interesantes e que ensamblaban mellor un discurso dunha hora e media aproximadamente. E vai haber algunha sorpresa, o que no meu caso tamén lle engade moita emotividade e fai que vaia ser un concerto diferente.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button