
Fíxose esperar, pero finalmente as folerpas veñen de tinguir de branco a xeografía ourensá. Comezaban a caír xa na noite do 15 ao 16 de xaneiro, cuallando xa nos puntos máis altos e deixando unha estampa tipicamente invernal. Pero a neve non está de paso. Vén para quedarse alomenos ata o luns na provincia de Ourense. Así o indican dende o Ministerio de Interior, que vén de alertar de nevadas e baixas temperaturas durante a fin de semana.
Ademais, segundo o comunicado emitido, “ao longo do luns 19, unha nova fronte fría atravesará a península e deixará novas nevadas en cotas en torno aos 600-700 metros nas metades norte e este peninsular”. Tamén se agarda un descenso acusado das temperaturas.

O branco domina xa nos cumes de Trevinca e tamén na Estación de Montaña de Manzaneda, a única da comunidade galega, que conta nestes momentos cun total de 17 pistas abertas e con 13 km esquiables. Así as pistas abertas son: Xeixo, Charrelas, Fontefría, Das Antenas, Manolo, Xabarin, Regato, Paso Perdices, Bello, Cuchara, Pluviómetro, Pluviómetro 2, Refugio, Lusitania, Barbeirón, Do Río e Das Lebres.
O tipo de neve é po, cun espesor máximo de 20 cm e un espesor mínimo de 10 cm. Para máis información: http://www.manzaneda.com
Fotos: Estación de Montaña Oca Nova Manzaneda.

