CulturaCulturaÚltima hora

A obra “Encerrona” de Pepe Viyuela colga o cartel de completo en Verín

O actor rioxano conquistaba ao público da vila cunha representación que reflexiona sobre o cotiá dende a perspectiva do pallaso e que se incluía na programación do FIC Vía XIV

 

A representación de “Encerrona”, obra protagonizada polo actor rioxano Pepe Viyuela, enchía por completo as 350 butacas do Auditorio de Verín. Trátase da segunda vez que este recinto completa o seu aforo na súa historia cunha actividade deste perfil (a anterior ocasión na que sucedeu foi coa visita de Luis Zahera). O público, procedente de Verín maioritariamente pero tamén doutros puntos da comarca e, mesmo, da provincia desfrutaba cunha función na que Viyuela propón unha reflexión sobre o cotiá dende a perspectiva do pallaso, con tintes de comedia e humor absurdo.

O protagonista vive a experiencia de quedar atrapado nas táboas á hora de entrar na escena posto que non sabe onde se está a meter. Entón atópase co público. El non vén actuar, pero vese obrigado a iso. Viyuela está a percorrer con “Encerrona” a xeografía española con éxito. Ten hora e media de duración cun notable trasfondo que dá pé a unha reflexión sobre a propia existencia do ser humano.

Ademais, durante toda esta fin de semana estase a levar a cabo tanto no auditorio como en diferentes emprazamentos exteriores de Verín o obradoiro Interpretación ante a cámara, unha iniciativa de 22 horas de duración impartida por Santi Cañaveral e Álex Mallo cuxo obxectivo é ofrecer claves para que os participantes poidan manexarse actoralmente con soltura perante as cámaras.

 

 

Música de The Funkles

A segunda xornada da VIII edición do FIC Vía XIV, que ata o vindeiro día 17 de setembro se desenvolverá na vila do Támega, completouse coa música de The Funkles, que realizou un tributo á mítica banda de Liverpool The Beatles prestando especial atención a aquelas cancións do grupo que serviron de banda sonora para diversos films.

Fotos: FIC Vía XIV Verín.

Artigos relacionados

Back to top button