DeportesÚltima hora

A odisea dunha universitaria valdeorresa para regresar a casa dende México en plena pandemia

Isabel Vázquez está acabando a carreira de Ciencias da Actividade Física e do Deporte e estaba nun intercambio bilateral na Universidade de Puerto Vallarta

Publicidade
Isabel nas Pirámides de Teotihuacán./ Foto cedida.

 

Máis alá dos datos (de infectados, de altas, de falecementos,…) e das actuacións que se están levando a cabo dende as institucións públicas, entes sociais e particulares, a pandemia do coronavirus está deixando tamén historias para o recordo. Vivencias que unha vez superadas con éxito quedan como unha anécdota, pero que no momento de sufrilas non deixan de ser duras e mesmo desesperantes.

Unha desas historias foi a que vivíu Isabel Vázquez, unha xove universitaria barquense que en dous días percorreu case 2.000 km dende Puerto Vallarta (México) ata A Coruña. “Fixemos 900 km en coche de Vallarta a Ciudad de México, 1.200 en avión de Ciudad de México a Madrid e 600 en tren de Madrid á Coruña”. Foi a odisea pola que pasou xunto a dous compañeiros da Universidade da Coruña (Pablo e David), onde estuda Ciencias da Actividade Física e do Deporte, para regresar a casa en plena pandemia de Covid-19, despois de dous meses na localidade mexicana onde estaba realizando un intercambio bilateral.

 

Na vila de Malinalco./ Foto cedida.

 

Isabel é xogadora e tamén adestradora de fútbol feminino e tiña pensado presentar o seu traballo fin de grao na Coruña ao regresar do intercambio, pero cando chegou á Universidade mexicana propuxéronlle facelo alí. “Era unha boa oportunidade aínda que tiven que cambiar cousas que xa tiña feitas como a contextualización. Alí o fútbol feminino está case mal visto porque é un país moi machista”, explica. Con todo, metérona na liga universitaria e ata recibiu unha proposta para colaborar nun proxecto  para sacar unha escola de formación de fútbol feminino en Vallarta, que non aceptou por non poder comprometerse ao 100%.

Cando comezou a falarse do coronavirus Isabel e os seus compañeiros estaban nunha viaxe de 12 días polo centro de México. “Tiñamos pensado regresar a Vallarta o 16 de marzo porque tiñamos clase e xusto o venres 13 saíu un comunicado da Universidade conforme se cancelaban as clases 15 días polo coronavirus co cal continuamos de viaxe ata o domingo 22 e cando regresamos xa se comezaba a falar algo máis do virus porque ao principio case non se falaba”, conta Isabel, engadindo que malia non ser obrigatorio fixeron corentena voluntaria. “Estivemos dúas semanas sen saír de casa porque dábanos medo. Sabiamos o que había en España e a sanidade en México non ten nada que ver coa daquí, non están preparados”, conta, así que visto o que se aveciñaba e posto que non tiña sentido quedar alí para non poder saír de casa, o 31 de marzo decidiron volver a Galicia, e aí comezaron os problemas e non chegaban a casa ata o 10 de abril pola noite.

 

Diante do palacio de Bellas Artes en Ciudad de México. /Foto cedida.

 

A primeira traba coa que se atoparon foi a falta de voos dende Vallarta ata Ciudad de México onde tiñan que coller o avión rumbo a Madrid. “O aeroporto estaba baleiro e ninguén nos garantizaba que puderamos voar, xa que se non se completaban os avións non saían”, así que despois de dar moitas voltas e incluso ter que pedir axuda á Embaixada para cambiar os billetes que Pablo e David xa tiñan para o mes de xuño, conseguiron un voo para o xoves 9 de abril, pero o martes pola mañá, ao facer o check in recibiron un correo de que cambiaban o voo para o venres día 10, co cal xa non lles valía porque perdían a conexión con Madrid. “Fartámonos de chamar pero non houbo forma de contactar coa compañía nin a través da Embaixada así que puxémonos a buscar outras formas de viaxar e só había dúas: en bus, que non era viable porque tampouco nos confirmaban a saída ata quince minutos antes; ou en coche alugando un para deixalo no aeroporto de Ciudad de México”. E esa foi a opción que colleron, pero tampouco foi doado xa que empezaba a estar todo pechado e só atoparon dúas sucursais de aluguer abertas. Nunha cobrábanlle 1.500 euros só por deixar o coche noutro estado e para iso a dúas horas do aeroporto co cal non lles arranxaba a situación, así que ao final foron á outra e contaron coa axuda dun amigo que foi con eles e encargouse de devolver o coche á sucursal en lugar de deixalo en Ciudad. Ao final foron once horas de viaxe turnándose para conducir, con algún percance coa Policía incluído.

 

No tren de Madrid á Coruña./ Foto cedida.

 

Finalmente chegaron ao aeroporto ás 12 da mañá para coller o avión rumbo a Madrid no que o 90% eran españois. “En Ciudad de México pasamos todos os controis, de temperatura, preguntas e demais pero chegamos a Madrid o venres 10 ás nove da mañá e non nos fixeron nin un só control, só nos pediron o pasaporte pero como nunha viaxe normal”, conta sorprendida, concluíndo que por sorte chegaron a tempo para coller o único tren que había rumbo á Coruña. Chegaron ás nove e media da noite e alí quedará Isabel por precaución durante quince días.

Isabel recoñece que foron quince días desesperantes pero lamenta ter que deixar o intercambio antes de rematar o prazo porque a experiencia en México “foi impresionante, para repetir. E Vallarta, un destino moi recomendable”.

Artigos relacionados

Back to top button