ConcellosEn portadaÚltima hora

A OU-536 volve converterse, despois de 33 anos, na principal conexión de Valdeorras coa cidade de Ourense

As medidas da fase 1 permiten os desprazamentos dentro da provincia, algo que non se cumpriría usando a N-120, que pasa por Lugo

A estrada OU-536 ao seu paso por Trives, antes do inicio da fase 1 da desescalada./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Os desprazamentos pola provincia están permitidos dende este luns 11 de maio. É unha das medidas recollidas na fase 1 de desescalada na que se atopa o territorio ourensán. Isto implica, seguindo a normativa estatal, que para poder desprazarse dende Valdeorras á capital da provincia xa non pode usarse a estrada N-120, tendo en conta que parte dela transcorre pola provincia de Lugo. É dicir que a estrada OU-536, que atravesa as Terras de Trives, volve ser a única opción para viaxar ata a cidade de Ourense. Deixou de ser a vía principal de comunicación entre A Rúa e Ourense en 1987, momento no que cambiou a nomenclatura de N-120 a C-536.

Trátase dunha situación que volve poñer de actualidade esta sinuosa estrada, cuxa orixe se remonta á década de 1850 (a Real Orde de 12 de decembro de 1852 ordea a súa construción). Fíxose a finais do século XIX,  seguiu en boa medida o trazado da Via Nova romana nos Codos de Larouco e requeriu de numerosos pasos superiores de arco en sillería (moi habituais daquela), ademais de aproveitar antigas pontes como Ponte Bibei, cuns 2.000 anos, sobre a que aínda continúa pasando.

“Esa vía de comunicación, que foi moi importante a primeiros do século pasado, era a única entrada que había a Galicia, naquel momento chamábase Vigo-Madrid”, lembra Juan González Domínguez, que foi alcalde de Trives entre 1983-1987.

 

Juan González foi alcalde da Pobra de Trives entre 1983 e 1987./ Foto cedida.

 

 

A partir de 1941, esta estrada convertíase na N-120 (Logroño-Vigo, tramo Ponferrada-Orense), tras o plan Peña. Constituía o acceso Centro a Galicia oficialmente ata a década de 1970, co famoso Plan de Accesos a Galicia. “Fíxose o acceso norte seguindo a N-VI e o acceso sur pola zona de Xinzo de Limia, entón o acceso centro quedou un pouco fóra de servizo con eses dous. Pero a parte diso, dentro dese plan o trazado de Ponferrada a Ourense, vai completamente distinto, cambiouse para levalo polo val do Sil. Co cal o trazado da antiga e da nova N-120 son completamente diferentes, non teñen nada que ver”, explica Juan González Domínguez.

 

Mapa co trazado da antiga N-120 que ía polas terras de Trives (en verde) e o percorrdo da actual N-120 (en cor amarelo), seguindo o val do Sil, pola provincia de Lugo./ Foto cedida.

 

Isto supuxo un cambio notable na súa circulación, xa que perdeu o seu papel como vía de comunicación principal entre A Rúa e Ourense en 1987. Así, pasou de ser N-120 a converteuse en C-536 e, finalmente, o seu nome cambiou para ser o de OU-536 xa na década do 2000.

“Coincidiu co último ano no que estiven na alcaldía, en 1985, podería dicirse que me fun coa estrada”, comenta Juan González, “recordo que me enterei, como todo o mundo, pola prensa, pero era algo que sabía de antemán. Daquela aínda non pasaran as competencias á autonomía galega, á Xunta, e eu máis dunha vez falando co delegado de Obras Públicas en Ourense, Juan Manuel Lezcano, insistíalle nesa cuestión, dicíalle se imos quedarnos sen esa vía, polo menos arranxádenos a estrada de acceso dende Trives a Ourense. Xa se vía vir que nos íamos quedar sen ela, e así foi. Naturalmente o tráfico reduciuse, ao haber mellor estrada polo outro lado a xente preferiu, a partir da Rúa, non vir por Trives senón seguir pola ruta de Quiroga, Monforte…”.

 

A estrada en Castro Cadelas, nunha imaxe tomada tamén antes da fase 1 da desescalada./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ademais indica que, pese a iso, “intentei conseguir uns accesos mellores, sobre todo, para conectarnos con Ourense e esa estrada dende Trives á cidade, hoxendía, está transitable fixéronse pontes novas, ensancháronse pontes”.

Comenta que a situación actual na que a estrada volve a cobrar protagonismo é so algo puntual. “¿Que nuns días non se pode pasar porque a N-120 toca á provincia de Lugo? Pois iso son 15 días, nada máis”. E entende a situación como unha anécdota, iso si, chea de nostalxia e que permite lembrar o valor e a importancia das comunicacións ao longo da historia dun territorio.

 

Imaxe dunha das edicións da Volta ciclista a España ao seu paso pola Ponte Bibei./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button