En portadaÚltima hora

A parte escavada por Sputnik Labrego no Castro de Valencia do Sil podería ser unha zona de produción

Entre os materiais recuperados na intervención neste xacemento vilamartinés hai gran cantidade de escoura e pesas de tear

 

Despois de cinco días de traballo no Castelo de Valencia do Sil, o equipo de Sputnik Labrego compartía cos veciños da zona os resultados iniciais desta campaña arqueolóxica nun acto público celebrado na tarde do 30 de outubro no Centro Social Santa Lucía de Vilamartín, onde ademais expoñían parte do material recuperado. Este acto estaba presentado polo alcalde do municipio, Enrique Álvarez, quen poñía en valor o patrimonio arqueolóxico da comarca e convidaba “ao resto das autoridades de Valdeorras a que teñan en conta isto. Temos un tesouro que está por descubrir”.

Os investigadores escavaban nunha zanxa aberta anos atrás polo grupo arqueolóxico valdeorrés Os Escarvadores, moi próximo á zona na que interviña tamén este verán o arqueólogo vilamartinés Santiago Ferrer Sierra. Esta actuación de Sputnik Labrego enmárcase nun proxecto máis amplo sobre asentamentos fortificados en altura no noroeste no momento final da época romana e no inicio do reino suevo, época na se sitúa o Castro de Valencia do Sil.

“Levamos dous anos traballando sobre os castros de época tardía. No 2017 xa fixemos unha prospección neste xacemento para documentar as estruturas que se podían ver e tamén unha planimetría do sitio. No 2018, contando coa colaboración dun grupo de investigadoras, realizamos un estudo de cerámica atopada este castro, entre a que destaca a terra sigillata tardía decorada. E neste ano fixemos unha escavación arqueolóxica utilizando novas metodoloxías co fin de intentar documentar cronoloxicamente o castro”, explicaba unha das integrantes do equipo de Sputnik Labrego, Celtia Rodríguez González, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

A continuación detallaba, paso o paso, o proceso e a metodoloxía arqueolóxica utilizada nesta actuación, que se iniciaba o 26 de outubro e concluía este 30 de outubro, así como o labor de documentación de cada unha das fases. Entre o material recuperado destacaba “unha cantidade inxente de escoura, un pondus (pesa de tear), e dúas pedras que poderían formar parte dunha estrutura moble que podería o banco dun tear. Tendo en conta isto pensamos que esta podería ser unha zona de produción, illada da zona habitada, que foi a que escavou Santiago Ferrer no verán”, comentaba Celtia Rodríguez.

Ademais explicaba que se tomaban diversas mostras (do encalado, así como de terra para tratar de atopar sementes ou polen) para o seu posterior estudo no laboratorio. A partir delas pretenden acotar a datación desta construción que, inicialmente, e tendo en conta a terra sigillata hispanica tardía atopada sitúase entre o século IV e V despois de Cristo. Ese tipo de cerámica “tamén aparece no Castro de Viladonga (Lugo). Ademais atopamos o anaco da base cunha xarra engobada tipo pompeiana, que aparece en contextos tardíos”.

 

 

Os castros tardíos

A continuación, o seu compañeiro de equipo, Mario Fernández Pereiro (doutor en Arqueoloxía da USC), facía unha contextualización cronolóxica (entre o século V e VI) e espacial do fenómeno dos “castros tardíos” do que forma parte o Castelo de Valencia do Sil. “Levamos dende o 2017 documentando xacementos relacionados con este momento no que consideramos un dobre fenómeno: a reocupación de castros prehistóricos como o de Viladonga e a construción de castros ex novo, que sería o caso do de Valencia do Sil”.

Todo isto nunha etapa na que desaparece poder romano e no que as elites locais (eclesiásticas e laicas) se enfrontaban a unhas novas elites chegadas de fóra, as suevas, tratando de manter a súa soberanía local. Con esa volta a asentamentos en altura e fortificados búscase “un control da poboación e da paisaxe, un control dos medios e métodos de produción e un control dos bens materiais”, continuaba Fernández Pereiro.

Este arqueólogo centrábase despois no xacemento de Valencia do Sil, cuxa extensión cifraba nunhas 3,5 hectáreas, destacando o seu gran potencial tendo en conta que delas tan só está escavado un 0,56%. Nese senso recomendaba  “ampliar a zona específica escavada, consolidar e conservar as evidencias materiais exhumadas e realizar unha valorización patrimonial do conxunto”.

O equipo de Sputnik Labrego agradecía o apoio do Concello de Vilamartín e do persoal que realizou a limpeza, así como a colaboración de expertos como o arqueólogo Santiago Ferrer e da comunidade local “tendes moito que contar sobre o voso patrimonio”, dicíalle.

O 50 aniversario da descuberta do Mosaico da Cigarrosa

Antes dos investigadores de Sputnik Labrego tomaban a palabra o presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, Aurelio Blanco, e o responsable da súa sección de arqueoloxía, José Fernández, que lembraban o labor realizado polo grupo de Os Escarvadores, apoiándose en documentos como un inventario do seu material arqueolóxico e tamén en diversas fotografías da súa actividade en lugares como o propio Castro de Valencia.

Despois, o arqueólogo Santiago Ferrer referíase á escavación realizada o pasado agosto na zona deste castro na que previamente traballaran os Escarvadores, explicando que a iniciativa facíase coincidir coa 50 aniversario do seu maior achado: o Mosaico da Cigarrosa. Comentaba deseguido os detalles desta actuación, na que fixo unha “limpeza do lugar, unha reescavación e un levantamento topográfico das estruturas sacadas á luz polos Escarvadores. Tamén nos metemos nunha zona do medio das ruínas que quedara sen escavar e resultou sumamente interesante”.

Non está claro se se trata dun edificio romano ou de varios (datados entre o século III-IV d.C.), “algo que poderíamos concretar escavando a fachada traseira e a dianteira”. Por iso Ferrer plantexaba tamén a importancia de realizar novas campañas para “aclarar un pouco máis a situación urbanística desta área escada”.

Texto: A.R.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button