En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A pegada ancestral das mascaradas de inverno, en Vilariño de Conso

Esta vila acollía o segundo desfile do VII Festival Internacional ViboMask

 

O VII Festival Internacional ViBoMask Mascarada Ibérica entraba na súa recta final neste domingo 20 de marzo. E facíao tamén cun intenso programa. Pola mañá o escenario do festival trasladábase a Vilariño de Conso, onde a partir das dez da mañá poñíase en marcha no campo de fútbol da área recreativa do Cenza o “ViBo Market”, con postos de produtos locais.

Arredor das doce, con intenso son de bombos e aixadas, e cos saltos dos Boteiros, arrancaba un novo desfile. Abríano os Fulións Rurais de Viana do Bolo. A partir de aí, as rúas da vila poboábanse de máscaras de diferentes puntos da península ibérica, dende as Mázcaras de Manzaneda, os Boteiros do municipio de Vilariño ou as Mázcaras de Buxán (O Bolo) ou a Morte da Veiga, xunto cos seus fulións, pasando polas Bonitas de Sande (Cartelle), os Felos e Madamas de Esgos, os Galos da Mezquita, os Vellarróns de Riós, os Vergalleiros de Sarreaus, o Touro e o Xigante de Celavente (O Bolo) e os Follateiros de Lobios ata os Bonitos e os Vixigueiros do Entroido de Samede (Paderne), o Oso de Salcedo cos seus criados (A Pobra do Brollón), os Merdeiros de Vigo, as Madamas e Galáns de Cobres (Vilaboa) e o Rancho e Cabaleiros do Entroido da Feira (Salceda de Caselas).

 

 

Nesta serpe de rituais tamén sobresaía o Carnaval de Abanto (Abanto-Zierbena, Biscaia), con elementos como as súas danzas, e os sobrecolledores Joaldunaks (Ortuella, Biscaia), de alongados puchos e dúas enormes campás.

 

 

Tamén impresionaban os Mamuthones e Issohadores de Sardeña (Italia), e os saltos dos Sidros (Valdesoto, Asturias), acompañados polo resto de personaxes das Comedies, así como os Diablos e mascaritas de Luzón (Guadalaxara).

 

Non faltaban tampouco máscaras de Castela e León como as do Antruejo de Carrizo de la Ribera (León) ou as Talanqueiras e Visparros de San Martín de Castañeda (Galende, Zamora), entre outras.

 

 

Tras o desfile, xa pola tarde, estaba previsto que a programación voltase a Viana coa representación na Casa da Cultura da obra “A viaxe de José do Campo: unha historia musical dende O Courel ata Nova Orleáns”, do ACF O Fiadeiro xunto con exalumnos da ESAD de Galicia, na Casa de Cultura do municipio.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Vídeos en
https://osil.info/o-desfile-da-vii-vibomask-de-vilarino-de-conso-en-videos/

 

 

Artigos relacionados

Back to top button