CulturaCulturaÚltima hora

A pianista Sara Marianovich presenta no Barco un novo espazo cultural, “Sueños”

Nel, a partir do vindeiro mes de xullo, ofreceranse diversas actividades educativas e culturais, moitas delas vencelladas coa música

 

Tres anos despois de deixar O Barco por motivos laborais, a pianista serbia Sara Marianovich regresa á vila que a conquistaba e acollía hai case unha década, para involucrase novamente no ámbito cultural da poboación, pero desta volta cun local propio.

Así nace Sueños, un novo espazo cultural no que a partir do vindeiro mes de xullo ofreceranse diversas actividades educativas e culturais, como clases de piano de alta especialización, concertos didácticos para nenos e mozos, concertos de música clásica, cursos de formación artística,  presentacións de libros,… “así como exposicións, seminarios, conferencias,…”, explicaba a propia Sara na presentación do local situado na rúa Eulogio Fernández Nº 18.

 

A pianista Sara Marianovich no espazo cultural “Sueños”.

 

Un local acolledor e exquisitamente decorado, distribuído por espazos (para escoitar música, para ler,…) no que cada detalle transmite paz e serenidade. A mesma que ela mesmo buscaba cando veu ao Barco. “A min sempre me gustou a natureza e os últimos quince anos (salvo estes tres que estiven en Madrid), vivín nun lugar pequeno, primeiro no meu pais e despois aquí, no Barco, buscando algo que necesitamos os músicos, paz e tranquilidade, afastados do estrés porque todo iso se reflicte a través da música polo que estou encantada de volver e precisamente nun local que xa se chamaba Sueños“. Nome que conserva pois reflicte o concepto do proxecto. “Xa non é só que eu cumprín o meu soño de volver senón que estou en posición de poder axudar a outras persoas a cumprir os seus”.

A dilatada carreira profesional de Sara Marianovich comezaba con só doce anos actuando por primeira vez como solista acompañada por orquestra. A partires de aí actuou como solista, en dúo e acompañada por orquestras sinfónicas en varios países de Europa e Estados Unidos, logrando entre outros o “Premio da Universidade de Belas Artes” outorgado pola Facultade de Música de Belgrado como a mellor estudante graduada.

 

O espazo conta cunha impresionante libraría.

 

Nos seus programas de concerto, a música española ocupa un lugar destacado, en especial a obra integral para piano do mestre Rodrigo ao que coñeceu en persoa, e que grabou para Sony. Tamén ten traballos como autora e infinidade gravacións audiovisuais e discos. Ademais tamén realiza un labor pedagóxico a través dun programa multimedia, especializado nos máis pequenos porque “penso que a música clásica debe formar parte do desenvolvemento dos nenos independentemente de que despois se adiquen ou non á música” di Sara, quen atopou en Valdeorras o entorno idóneo para levar a cabo os seus proxectos.

Un deles é este novo espazo cultural que non estará aberto ao público, salvo nas datas nas que se realicen actividades presenciais e debido ás restriccións polo Covid-19 aínda vixentes, as vindeiras actividades previstas serán ofrecidas exclusivamente en modalidade online e por streaming, e serán anunciadas nas redes sociais. “Teño moitas ideas e estou pensando en actividades que combinen varios sectores (cultura, educación, turismo, natureza…) brindando ademais a oportunidade á xente que queira aportar algo, de presentarse e promocionarse aquí (escritores, pintores, escultores, músicos,…). Tamén estou aberta a colaboracións co Concello e con asociacións e colectivos culturais que o desexen”.

 

Artigos relacionados

Back to top button