OurenseÚltima hora

A pintura de Lola Doporto, na portada da revista “Nós, a Xente do Redor”

O número 6 desta publicación presentarase o vindeiro xoves no Liceo de Ourense

 

Durante a súa exposición “Saudade de Soños” en Ourense, o pasado outono, a pintora Lola Doporto (Millarouso, O Barco) recibía unha proposta moi especial: ilustrar a portada do número 6 revista cultural Nós, a Xente do Redor. “Por suposto dixen que si”, conta a creadora, “e foi un gusto facela, ademais hai que ter en conta que as portadas desta publicación teñen incluído anteriormente traballos de Paco Ascón, Maite Vázquez, Miguel Coello e Antón Pulido”.

Esta publicación, cun carácter trimestral, vén de ver a luz en febreiro e será presentada o vindeiro xoves 17 de febreiro ás 20:30h. no Liceo de Ourense, contando coa presenza dos seus autores, patrocinadores e representantes das institucións. Entre os asistentes estará a pintora barquense.

Este sexto número desta publicación, nacida durante o confinamento (pensada cun carácter virtual pero que finalmente cobrou forma no papel), conta coa participación dunha trintena de autores, entre eles, Paco Ascón, Manuel Mandianes, Marina Sánchez, Miguel Ángel Martínez Coello ou Avelino Jácome.

“Colaboran dende nenos do colexio Cisneros, para os que supón a súa primeira publicación, ata autores xa asentados e de idade”, comenta Avelino Jácome, que tamén adianta que nesta número da revista dedicaráselle “unha sentida homenaxe” a José Antonio Viñas, falecido recentemente, “porque, ademais de amigo, era unha peza clave da cultura en Ourense, especialmente no ámbito da tradición e do folclore”

Artigos relacionados

Back to top button