De celebración estaba neste 2 de outubro a Policía Nacional de Ourense con motivo da festividade dos seus patróns, os Anxos Custodios. Os actos contaban coa asistencia de numerosas autoridades, entre elas o subdelegado do Goberno na provincia, Eladio Santos, así como representantes das institucións da cidade, provincial e da administración autonómica.
O programa iniciábase ao mediodía cunha misa solemne na Catedral ourensá, na que actuaba a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Durante a cerimonia levouse a cabo a tradicional ofrenda aos caídos, cunha emotiva homenaxe floral e entrega de ofrendas.
Despois, ás 13h. tiña lugar unha cerimonia institucional no Auditorio Municipal na que se facía entrega de medallas de ingreso na Orde do Mérito Policial, a funcionarios da Policía Nacional, Corpos Xerais da Administración do Estado e Persoal Laboral destinados na Dirección Xeral da Policía.
No seu discurso institucional, o comisario xefe provincial, Juan Castor Vázquez Salgado, poñía de relevo os valores que encarnan na súa función os membros da Policía Nacional, así como o principal obxectivo no seu quefacer diario que, “como non podía ser doutra maneira, é o deber de servizo constante á nosa sociedade”. Expresaba as súas felicitacións a todos os galardonados neste acto, e “como non aos nenos, que se lembraron da Policía Nacional con eses debuxos que engrandeceron o noso orgullo porque como dicía Roussou o que un ama na infancia, quédase para sempre”.
Comentaba á celebración do bicentenario da Policía Nacional neste ano, e aseguraba que “seguimos conservando os nosos sinais de identidade, traballando co mesmo entusiasmo que ata agora, combinamos o mellor dos logros pasados cunha mirada cara o futuro que debe ser especializada, máis adaptativa e máis creativa, aunemos esforzos con todos os actores implicados na seguridade: Garda Civil e Policía Local”.
E, engadía, “contamos co recoñecemento coa sociedade que nos valora”. Mencionaba a continuación unha serie de datos referidos ao labor policial. “No que levamos de ano reducimos a criminalidade nun 4%, case esclarecimos a metade das denuncias que chegaron á comisaría, unha eficacia que é moi alta en delitos contra as persoas, onde alcanza case o 98%, un 90% nas da liberdade sexual e case un 60% en roubos con violencia e intimidación”. Alertaba ante o incremento de delitos dixitais e pedía prudencia á sociedade: “non facilitemos información por vía dixital nin telefónica”.
Ademais o comisario xefe provincial facía un percorrido por cada unha das unidades policiais que compoñen a comisaría provincial resaltando os diferentes logros e obxectivos alcanzados durante este último ano. Nese percorrido mencionaba “o servizo de documentación de españois e estranxeiros que é a nosa cara cara a sociedade ourensá. En Verín abrimos unha liña de expedición de tarxeta de estranxeiros, e xunto coa nosa unidade do Barco, podemos dicir que a provincia de Ourense tenemos tres lugares para documentar a estranxeiros e españoles, O Barco, Verín e Ourense”.
Anunciaba tamén que a Policía Nacional vai instalar nos concellos de Xinzo de Limia, O Carballiño e Allariz uns puntos de actualización de documentación, achegando con iso a administración aos cidadáns”. Concluía a súa intervención agredecendo o labor que a diario realizan os policías “a vosa dedicación e sacrificio fan da nosa cidade un lugar mellor” e cunha lembranza especial aos “compañeiros enfermos, aos que se xubilaron este ano e aos falecidos”.
Tamén levou a cabo a entrega de diplomas e agradecementos dirixidos a distintas institucións ourensás estreitamente vinculadas coa Policía Nacional como a “Fundación Abanca”, “Sergas” e “Urxencias 061”. Ademais baixo o lema “O teu Policía”, entregáronse os premios do “I Concurso de Debuxo Policial” organizado pola Comisaría Provincial de Ourense. Os gañadores do primeiro certame foron Premio “Patrulla Benjamín” Mateo Rodríguez de Oliveira, alumno do Colexio Divina Pastora; Premio “Patrulla Alevín” Leo Castro Expósito, alumno do CEIP Seixalbo; e Premio “Patrulla Infantil” Candela Iglesias Fernández, alumna do CEIP Inmaculada.
Neste acto interviña o tamén o subdelegado de Goberno en Ourense, Eladio Santos, quen recoñecía “o labor fundamental que realizan homes e mulleres deste corpo, que velan pola nosa seguridade e a nosa liberdade” e tamén quixo “render un sentido homenaxe neste día aos que deron a súa vida no cumprimento do deber”. Ademais, facía fincapé nos valores que inspiran cada día a actuación da Policía Nacional, como son a honestidade, valentía, respecto e compromiso co servizo público; polo que trasladoulles o agradecemento de “toda a cidadanía, do Goberno de España e do Ministerio do Interior”.
O subdelegado amosou que o bo traballo dos axentes tradúcese nas actuais cifras en materia de seguridade cidadá na capital, onde na primeira metade ano se observou unha redución da criminalidade. Tamén destacou o traballo das unidades específicas de loita contra a ciberdelincuencia e a violencia de xénero; e o importante papel que xoga a Policía Nacional participando nas charlas que se teñen lugar nos centros escolares con motivo do Plan Director do Ministerio de Interior, “para a educación e prevención de condutas violentas, consumo de drogas e condutas aditivas, acoso, ciberacoso e violencias machistas”, detallaba.
Esta cerimonia iniciábase cos himnos de de Galicia e de España e remataba co himno da Policía Nacional.
Aos actos conmemorativos asistiron autoridades, mandos policiais, empresas colaboradoras, convidados e como non podía ser doutra maneira, unha nutrida representación daqueles policías que formaron parte desta gran familia que é a da Policía Nacional en Ourense.
Fotos: O SIL.