En portadaÚltima horaVídeos

A posta en valor da Via Nova, unha das calzadas con maior número de miliarios do Imperio Romano, buscará financiamento europeo

O informe técnico desta iniciativa (vinculada a 23 concellos ourensáns, 3 portugueses e 12 de León), realizado a través do Eixo Atlántico, presentábase esta mañá no Concello do Barco

 

Poñer en valor a riqueza arqueolóxica e patrimonial ligada á Via Nova romana (que unía antigamente as urbes de Bracara Augusta e Asturica Augusta), conservala e divulgala ademais de desenvolver a súa potencialidade como elemento de dinamización socioeconómica dos territorios polos que pasa. Con ese fin traballan o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular e a Deputación de Ourense que, en colaboración cos concellos ligados a este itinerario imperial, pretenden solicitar fondos europeos para levar a cabo un proxecto que se presentaba esta mañá nun acto celebrado no Concello do Barco coa presenza de representantes de boa parte dos municipios relacionados coa calzada. O título do traballo técnico do mesmo é “Informe sobre a Via Nova, estado actual e propostas de dinamización para darlle un pulo como circuíto cultural”.

“O itinerario da Via Nova ten que ser Astorga-Braga ou Braga-Astorga, se non se fai de maneira conxunta, isto no funciona”, dicíana presentación o alcalde do Barco, Alfredo García, un dos promotores da iniciativa. Ademais o rexedor lembraba a xénese desta iniciativa, na que dende un principio de implicou o Eixo Atlántico, como se iniciaron os primeiros contactos co presidente da Cámara de Braga (Portugal), e como se foi incorporando a outras entidades como a Deputación de Ourense e a Consellería de Cultura. “Tamén era fundamental incorporar a parte de Castela e León e tamén se contacto con eles, de feito aquí temos un representante do Concello de Astorga”, matizaba García.

 

 

Pola súa banda, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, explicaba a aposta desta entidade transfronteiriza por poñer en valor a romanización en Galicia a través dun circuíto cultural, “dada a gran riqueza patrimonial que temos. Agora mesmo os seus elementos están deslabazados, por iso é preciso crear ese circuíto conxunto que se convertese no segundo gran circuíto cultural de Galicia tras o Camiño de Santiago, poñendo así en valor que se suma ao que xa se está desenvolvendo actualmente”. Vázquez Mao matizaba que o proxecto conta con dúas partes diferentes, pero complementarias: “a Via Nova e a romanización”.

 

O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez.

 

A partir de aí contactábase con expertos e iniciábase un informe técnico (realizado na parte galega por Antonio Rodríguez Colmenero e Santiago Ferrer Sierra) e na parte portuguesa do trazado por Miguel Sopas de Melo Bandeira. Este informe é o que se presentaba hoxe no Barco. “Tratábase de falar cos expertos para que nos digan como está a vía e o que se debe facer para poñela en valor. E iso xa é unha realidade, este traballo pódese descargar na páxina web do Eixo Altántico”, indicaba o secretario do Eixo que tamén pedía aos concellos relacionados coa Via Nova que revisaran o documento e realizasen comentarios ou suxerencias que permitan mellor ese informe, de feito, estableceuse un correo electrónico para que puideran remitir as súas contribucións pec@eixoatlantico.com .

 

 

O seguinte paso será a presentación deste proxecto a fondos europeos, nunha proposta na que xa están traballando de forma coordinada os equipos técnicos do Eixo e da Deputación de Ourense para presentar a solicitude en canto se abra o prazo da convocatoria. “Nun primeiro momento, ímolo presentar aos POPTEC”, aseguraba Vázquez Mao, se ben a intención e presentalo tamén a outros programas europeos de carácter transfronteirizo entre Galicia e Portugal. No caso da parte leonesa da Via, vaise tratar tamén de buscar vías de financiamento europeo. “Isto non é un traballo dun ano”, destacaba o secretario do Eixo, asegurando que “isto pasa a ser unha das nosas prioridades xa que tocar directamente a un dos 14 programas nos que traballamos: o de cultura e desenvolvemento económico”.

 

O arqueólogo Santiago Ferrer, na presentación do informe.

 

A Via Nova, un itinerario cultural entre Braga e Astorga

Xunto coa Via Augusta, a Via Nova é a unha calzada romana da península que ten denominación propia. Construíase para mellorar a comunicación polo interior entre dúas capitais da época: Bracara Augusta (a actual Braga) e Asturica Augusta (Astorga). “Tras a conquista do territorio, Roma comeza a organización do mesmo creando 3 núcleos importantes: Lucus, Bracara e Asturica e acomete a construción de dúas vías de comunicación principais: a Via XVII, que se inaugura no ano 6 antes de Cristo; e a Via XIX, inaugurada no ano 11 despois de Cristo. “Uns 70 anos despois, cando o territorio xa estaba romanizado, Vespasiano decide construir unha nova vía polo interior, á que denominou Via Nova, en contraposición as dúas anteriores, que xa eran veteras”, comentaba o arqueólogo valdeorrés Santiago Ferrer, un dos autores do informe.

 

 

O seu trazado suma 215 millas romanas (uns 350 km de Braga a Astorga) e percorría o territorio de multitude de civitas ou populi. “Era unha verdadeira autovía de época romana, que chegaba aos 8-12 metros de anchura e que se construíu coas características construtivas das autopistas de agora, nunca sobrepesa o 6% de pendente. Ademais é das vías mellor sinalizadas do Impterio Romano, cuns 1.600 miliarios (columnas cilíndricas en pedra que indicaban as millas), entre Braga e Astorga”, sinalaba Ferrer. Actualmente, o trazado desta vía pasa por 3 concellos portugueses, por uns 23 municipios ourensáns e por 12 da provincia de León.

 

 

O informe está estruturado en tres partes. A primeira delas é “A Via Nova romana a través do seu escenario galaico-astur entre ambas capitais e en sendas direccións das mesmas”, escrita polo profesor Antonio Rodríguez Colmenero. Despois, o arqueólogo valdeorrés Santiago Ferrer Sierra aborda a “Creación do circuíto cultural sobre a romanización na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal” e, finalmente, Miguel Sopas de Melo Bandeira céntrase nas “Bases conceptuais para o desenvolvemento dun circuíto cultural da romanización no territorio da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”.

 

Colaboración institucional

Esta vía, engadía Vázquez Mao tras a exposición do arqueólogo valdeorrés, “amosa a inmensa riqueza que temos, o pouco coñecida que é e o pouco proveito que lle estamos sacando”. Deseguido, xa pechando a presentación, tomaba a palabra o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen comezaban amosando aos concellos a súa asistencia á presentación, así como o labor dos autores do informe, cunha mención especial a Antonio Rodríguez Colmenero, “por ser investigadores vocacionais, grazas a eles a sociedade avanza”.

 

 

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, intervindo no acto.

 

Así mesmo destacaba a importancia da “cooperación neste proxecto, temos que acostumarnos a traballar en rede e remar todos na mesma dirección. A cooperación é o camiño, non hai outro. E esperamos contar cunha candidatura potente neste proxecto, é o momento de facerlle unha homenaxe á nosa historia. Este é un territorio eminentemente cultural”.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button