OurenseÚltima hora

A provincia de Ourense estará, “por primeira vez”, no Salón Gourmets 2022

Así o destaca Inorde que levará a 12 microempresas como coexpositores na Feira de Alimentación e Bebidas de Calidade que se celebrará do 25 ao 28 de abril en Madrid

 

A provincia de Ourense participará, por primeira vez, no Salón Gourmets 2022, a través do Inorde que levará a 12 microempresas como coexpositores nesta Feira de Alimentación e Bebidas de calidade, que se celebrará no recinto feiral de IFEMA, Madrid, desde o 25 ao 28 de abril de 2022.

Esta iniciativa encaixa na aposta que “estamos a facer desde o goberno provincial a prol do sector primario da nosa provincia, neste caso non só servindo de paraugas para que as empresas -presentadas á convocatoria que regulou a súa participación- poidan expoñer os seus produtos, senón tamén para promocionar a nosa provincia como destino enogastronómico de calidade, nun foro de tanta relevancia e prestixio como é Salón Gourmets”, dixo o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.

O stand do Inorde está deseñado con doce módulos para que cada unha das empresas participantes poidan expoñer e promocionar os seus produtos. Ademais, haberá un espazo habilitado para que os produtores ouresáns poidan manter reunións de traballo con outras empresas do sector facilitándolle a posibilidade de que establezan novas relacións comerciais.

 

 

Bodega Sampayolo, entre os coexpositores

As empresas que estarán co Inorde en Salón Gourmets 2022 como coexpositores pertencen a diferentes sectores agroalimentarios. Estarán adegas como a de Sameirás de Ribadavia promocionando o seu viño branco e tinto que pertencen á D.O. do Ribeiro. Continuando co sector do viño estará Adegas Celme, de Castrelo de Miño, promocionando o seu viño e vermú de produción ecolóxica e experiencias de enoturismo. Bodegas Sampayolo de Petín participará co seu viño tinto e branco da D.O. de Valdeorras. E, por último en canto a viño, estará a empresa Viña Eduardo Bravo, de Leiro, co seu caldo branco xoven da D.O. do Ribeiro.

Por outro lado, participará a empresa “Hermanos Ferradás Irixo”, baixo a cal se promocionarán diferentes produtos locais que se atopan na “Marca O Irixo” que engloba gastronomía rural (elaboradores de cárnicos e embutido galego, pans e doces, lácteos ecolóxicos producidos artesanalmente, produtos apícolas…). Con esta mesma filosofía participará a empresa “Cumbres de Trevinca” do sector lácteo a través da cal se darán a coñecer os “Sabores de Trevinca” que aglutinan os produtos que se elaboran no municipio da Veiga (queixo artesán de alta montaña, mel das montañas de Trevinca e a Faba Loba).

O apartado doce do stand correrá a cargo da empresa “La Central Heladera” promocionando xeados artesáns de diferentes sabores (termal, viño, polbo…) elaborados con leite ecolóxica e produtos de primeira calidade e km 0. Tamén estará a empresa Soluciones Técnicas Esdinela con Nela Gourmet de San Cristovo de Cea promocionando as súas marmeladas creativas. E, por último neste ámbito, Doce Bágoa de Boborás, estará co seu mel que presenta en cada un dos seus lotes unha nota única e característica grazas ao entorno natural no que traballan as abellas.

O sector cárnico e de horta estará representado por “A Vaquería” de Baltar, que levará a Gourmets a súa carne de tenreira 100% galega. Os produtos de horta chegarán da man de “Postoiro SCG” de Vilar de Santos que promocionará cebolas, cabaza, brócoli, repolo e pataca. E, “Patatas Ama” de Xinzo de Limia exporá un dos produtos máis representativos desta comarca e da provincia de Ourense: a pataca.

Artigos relacionados

Back to top button