SanidadeÚltima hora

A psicóloga perinatal Esther Ramírez analiza no Barco a “revolución da maternidade”

Impartía na tarde do 19 de outubro un obradoiro formativo organizado pola Asociación De a Nai

 

Os postpartos teñen que ser “máis humanos e realistas, máis cheos de claroescuros e neste camiño tamén están os bebés fusionados coas súas nais”, dicía no Barco a psicóloga sanitaria e perinatal, Esther Ramírez Matos, que na tarde do 19 de outubro impartía o obradoiro “A revolución da maternidade. Psicoloxía da lactancia. Instintos e evidencias”.

Nesta sesión, organizada pola Asociación De Nai a Nai en colaboración co Concello do Barco, abordaba ao longo de case catro horas cuestións como a transición á maternidade, o cambio de ciclo vital e a nova identidade, de muller a muller-nai; o nacemento dos instintos ou a neurobioloxía da lactancia, a psicose postparto e outro tipo de trastornos despois do nacemento do bebé ou a morte perinatal.

“Temos que estar todos por e para a maternidade e os bebés: nais, pais, matronas, outros profesionais sanitarios, grupos de apoio…”, asegura esta especialista que plantexaba ao termo da súa intervención unha serie de propostas a favor da maternidade, entre elas, a de promover as unidades nai-bebé nos hospitais.

A última parte do obradoiro estaba dedicada a un coloquio na que os asistentes lle plantexaban preguntas ou reflexións sobre temas como o dó tras a perda dun bebe (tanto no caso das nais como dos pais), a importancia da comunicación coa parella, a necesidade de formación para que os profesionais sanitarios poidan axudar ás nais en situacións como as mortes perinatais ou a importancia da escoita na maternidade.

“No mundo actual consumimos produtos en lugar de vivir experiencias e non se poden substituír as relacións humanas por mirar en internet determinado produto para o bebé ou polos libros divulgativos, hai que integrar a experiencia”, destacaba Esther Ramírez.

Entre as asistentes tamén había matronas que resaltaban a “gran oportunidade que supón como profesionais escoitar ás nais e acompañalas porque así imos poder obter moita información para facer, por exemplo, unha boa diada”.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button