En portadaÚltima hora

A reforma da OU-533, a estación de montaña de Manzaneda e o Camiño de Inverno, na reunión dos presidentes da Xunta e da Deputacion

Luis Menor e Alfonso Rueda mantiveron hoxe un encontro de traballo no que “demostramos que somos dúas institucións que traballamos a prol da provincia con moitos puntos en común a tratar que foron obxecto desta ampla reunión que estivo precedida xa dun intenso traballo”, dixo Menor

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantiña hoxe unha reunión co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para analizar vías de colaboración entre ambas institucións en proxectos estratéxicos para a provincia referidos a infraestruturas, sanidade, servizos sociais, turismo ou deportes.

O encontro, que se celebrou na delegación territorial da Xunta en Ourense, tamén coa presenza do seu titular, Manuel Pardo, desenvolveuse nun “clima de cordialidade e complicidade”, dixo Luis Menor, para quen os acordos alcanzados reflicten “unha folla de ruta clara con apostas concretas”. Pola súa banda, Alfonso Rueda cualificou a xuntanza como “unha reunión eficaz na que foi sinxelo chegar a acordos” .

Ao remate da reunión tanto Luis Menor como Alfonso Rueda repasaron as cuestións abordadas durante a reunión:

Transporte metropolitano. A Deputación solicitou a intervención da Xunta de Galicia para a implantación do transporte metropolitano. Ademais de poñer sobre a mesa a imprescindible colaboración do Concello de Ourense, a Xunta de Galicia valora os beneficios que tería para unha poboación de máis de 150.000 persoas.

Estación de mercadorías no polígono de San Cibrao. A Deputación de Ourense solicita á Xunta de Galicia a posta a disposición do Goberno central dos máis de 100.000 metros cadrados de titularidade autonómica necesarios para este proxecto. Desde a Xunta ratifícase a disposición a facer esa cesión e apoiar a demanda dun estudo de viabilidade sobre esta terminal de mercadorías.

Comunicación de Valdeorras coa AVE. A estrada autonómica OU-533 (A Rúa-A Gudiña) é a alternativa que precisa a comarca de Valdeorras para ter un acceso máis próximo ao AVE na estación Porta de Galicia, pois nada se sabe da A76 ni da mellora da N-120, que dependen do Estado. A Deputación pide a súa reforma e a Xunta ten previsto ter redactado o proxecto de trazado entre A Gudiña e Viana do Bolo e iniciar a información pública a finais deste ano 2024. Unha vez aprobado, dividirase en fases para a redacción de diferentes proxectos construtivos.

 

 

 

Comunicación coa fronteira portuguesa desde Celanova. A reforma da OU-540 é un proxecto necesario para facilitar a mobilidade coa fronteira con Portugal. Prevese tramitar o procedemento de expropiacións no terceiro trimestre deste ano e a continuación iniciar a licitación.

Áreas industriais. Fronte ao problema real de falta de solo industrial na contorna da cidade e en comarcas puxantes, desde a institución provincial pídese o desenvolvemento das actuacións previstas en materia de solo industrial, a máis inminente a ampliación do polígono de San Cibrao das Viñas, tamén do parque empresarial de Pereiro de Aguiar e máis a futuro en Paderne de Allariz. Tamén se traballa na ampliación do parque de Xinzo de Limia e do de Carballiño-Maside.

Construción da cidade deportiva de San Cibrao das Viñas. Para aliviar a presión sobre as instalacións para práctica do fútbol na cidade e área metropolitana, aproveitaríanse os campos existentes na Tecnópole, hoxe infrautilizados. Iniciarase un estudo coa firme vontade de realizar este proxecto entre Deputación, Xunta e Concello de San Cibrao.

Estación de montaña de Manzaneda. Deputación e Xunta de Galicia farán un esforzo económico para liquidar a débeda da sociedade Meisa, que alcanza os 2,5 millóns de euros. A Xunta asumirá 1,5 millóns e a Deputación o restante millón de euros. Unha vez liquidada a débeda e estabilizada a sociedade, ambas administracións farán a partir do próximo ano unha achega conxunta, a partes iguais, de 800.000 euros para garantir o funcionamento do complexo.

Parque acuático de Monterrei. Logo da inauguración da primeira fase continuarase coa segunda, terceira e cuarta fases. No marco do convenio coa Xunta, a Deputación de Ourense ten orzamentada neste 2024 unha partida de 1,5 millóns de euros para seguir dotando de valor unha infraestrutura de ocio que está a ser xa toda unha referencia.

Centro de saúde Mariñamansa. A Deputación reitera a disposición a ceder unha parcela de titularidade provincial para construír este novo centro, tal e como figura nun documento de asinado entre ambos os presidentes en febreiro con compromisos pola cidade. Só está pendente do cambio de uso que ten que facer o Concello sobre estes terreos e a partir de aí iniciarase o proxecto.

Servizos Sociais. Deputación e Xunta colaboran na reforma ou construción de 16 centros para maiores, un plan para o que a institución provincial vai aprobar unha achega de 1,5 millóns de euros, que se ampliará no próximo ano, co fin de complementar a necesaria financiación para cometer estas obras. Falouse ademais dun plan piloto para colaborar cos concellos máis pequenos na contratación de persoal técnico que complemente o labor dos traballadores sociais municipais.

Xulgado de Violencia sobre a muller. A Deputación mantén o seu firme apoio á reivindicación desde a Xunta de Galicia dun xulgado de violencia sobre a muller en Ourense.

 

 

Certificados de profesionalidade. No último Consello da Xunta aprobáronse 76 millóns de euros para traballadores desempregados, co fin de que podan obter certificados de profesionalidade e así optar a empregos. A Deputación colaborará coa Xunta de Galicia no desenvolvemento deste plan sinalando aquelas zonas da provincia con máis necesidades nesta materia.

Centro de Ciberseguridade. Estas instalacións únense a toda a infraestrutura tecnolóxica que ten a provincia, actuando como polo de atracción de novos maiores investimentos. A Deputación vai colaborar na programación e nas axudas que sexan necesarias.

Cooperación e loita contra os lumes forestais. A Xunta de Galicia pon á Deputación de Ourense como exemplo de colaboración na prevención e loita contra os lumes forestais. Trátase do único convenio asinado ata agora cunha institución provincial. O importe é de 4,1 millóns de euros, dos cales a Xunta achega 2,8 e a Deputación de Ourense 1,3 millóns.

Regadío da Limia. A Xunta e Deputación de Ourense seguirán reclamando que o Goberno central asuma unha parte importante dos custos xerados polo IVE das actuacións levadas a cabo para mellorar o regadío nesta comarca, asegurando a produción dunha zona agrícola tan importante. Se o Estado non atende estas peticións, Xunta e Deputación coordinaranse para axudar aos regantes.

Ribeira Sacra. Cerca xa de lograr a declaración como Patrimonio da Humanidade, cómpre realizar accións como por exemplo o plan de mobilidade sostible. A Ribeira Sacra vén de captar fondos europeos nesta materia por importe de 5 millóns de euros. Desta cantidade, tres millóns corresponden ao Goberno central e dous millóns ás deputacións de Ourense e Lugo. A institución provincial ourensá xa dispón neste ano dunha partida de 500.000 euros.

Termalismo. Falouse do apoio aos balnearios con programas como o de termalismo social da Deputación, que agora verase incrementado, e a Xunta colaborará no labor de visibilización e promoción.

Vía da Prata e Camiño do Inverno. O ritmo crecente de peregrinos e á diversificación dos camiñantes nas súas rutas provocará que medre aínda máis a presenza de peregrinos noutras rutas xacobeas. Para dar pulo ao seu potencial, Xunta e Deputación seguirán contribuíndo conxuntamente á súa promoción e dotando de máis servizos conforme suba a demanda.

Artigos relacionados

Back to top button