Os bombos, os sachos e os Boteiros tomaban na tarde do 12 de agosto as rúas de Trives. Dende a Finca da Barreira partía o desfile do X Entroido de Verán que despois percorría o centro da vila e remataba na praza do Reloxo. Esta comitiva carnavalesca abríaa o folión A Caniceira, seguido do das Maceiras (ambos de Trives), así como do Irrio (Castro Caldelas), do de Terras do Bolo e A Lardeira (Piñeiro). O potente folión trivés dos Labregos pechaba este desfile, precedido polos saltos dos seus Boteiros.
Numeroso público seguía o traxecto deste sonoro de intenso desfile que formaba parte do programa da X Mostra de Patrimonio Inmaterial de Trives que promove a Asociación Cultural A Caniceira. Pendentes da seguridade durante o traxecto estaban a Policía Local e Protección Civil de Trives. Unha vez finalizado o desfile, a organización convidaba aos folións asistentes a unha merenda.
Fotos: Ángeles Rodríguez.
Máis información e fotos:
https://osil.info/o-x-entroido-de-veran-de-trives-en-fotos/
https://osil.info/son-do-sil-pecha-unha-intensa-x-mostra-de-patrimonio-inmaterial-en-trives/