A RúaConcellosO BarcoÚltima hora

A Rúa e O Barco entre os concellos que acollerán as proxeccións do II Ciclo Mestre Mateo

"O corpo aberto" é un dos filmes que poderán verse entre os meses de maio e novembro

Fachada do Centro Cultural Avenida da Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

O Ciclo Mestre Mateo regresa á provincia de Ourense e levará as proxeccións das longametraxes de ficción, animación e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da Rúa, O Barco, Celanova, Verín e San Cristovo de Cea que xa acolleron con éxito o ciclo na súa primeira edición. A entrada ás proxeccións é gratuíta.

Os concellos participantes exhibirán entre maio e novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto -película gravada en Ourense co apoio da Deputación de Ourense-, recoñecidas respectivamente como Mellor documental, Mellor longametraxe de animación e Mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo.

O resto de títulos do programa son o documental A foreign song (César Souto, 2022) gañadora dos premios á Mellor longametraxe española e Mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón; o thriller Código Emperador (Jorge Coira, 2022) estreado no XXIV Festival de Málaga, onde tamén tivo a súa estrea a longametraxe Live is life (Dani de la Torre, 2022) -tamén gravada en Ourense co apoio da Deputación-; o documental No somos nada (Javier Corcuera, 2022) estreado no Festival de Cine de San Sebastián; o filme de animación Valentina (Chelo Loureiro, 2022), película patrocinada pola Deputación de Ourense e gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española e o documental Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022) estreada no OUFF – Ourense Film Festival.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button