ConcellosEn portadaÚltima horaVídeos

A Ruta do Viño de Valdeorras impulsará a posta en valor das antigas covas da comarca

Así o destacaba o seu presidente na apertura das XI Xornadas de Portas Aberta desta ruta, que contaba coa asistencia da directora de Turismo de Galicia

 

“Neste momento hai un punto de inflexión no turismo de Valdeorras”, dicía o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, no acto inaugural das XI Xornadas de Portas Abertas desta ruta, celebrado na tardiña deste 27 de maio no Hotel Monumento Pazo do Castro (O Barco).

Ademais, lembraba que malia que esta Ruta do Viño de Valdeorras, como as do resto de Galicia, principaban a funcionar no 2009, pero non foi ata “o 2016, e precisamente neste lugar, onde celebramos unha reunión, cando se iniciaba unha nova etapa. E xa no 2017/18 iniciamos a andaina na que estamos agora. Mal pensabamos que chegaramos a onde estamos. Valdeorras dalgunha maneira miraba para outro lado, non necesitaba do turismo porque había outras actividades económicas suficiente, pero pouco a pouco fumos logrando que o entramado da comarca se fora dando conta da necesidade do turismo”, resaltaba Sánchez, nun acto que contaba coa presenza da directora da Axencia de Turismo de Galicia, así como de representantes municipais da comarca como a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela; ou os concelleiros do Barco, Eladio Santos, e de Rubiá, Ignacio Doce; e de representantes de AEVA e do presidente do CRDO Valdeorras, entre outros.

 

O presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez.

 

Sánchez apostaba ademais por un turismo integral que inclúa o enoturismo e con referentes diferenciadores en Galicia como as adegas soterradas ou covas. “Pola nosa climatoloxía xa historicamente necesitouse desas covas para coidar os viños e elaboralos. En cada aldea da comarca hai un núcleo de covas, en cada sitio teñen a súa peculiaridade algo que non se tivo en conta durante un tempo pero que agora, por fin estase poñendo en valor”, aseguraba o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, adiantando que esta entidade está a preparar un documental centrado neste tipo de patrimonio vitivinícola que pronto se presentará. Finalmente, referíase ao poeta corgomés Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado este ano nas Letras Galegas, e remataba agadecendo a colaboración das adegas da ruta e tamén do Clúster da Pizarra de Galicia, co que a Ruta está colaborando en varias iniciativas.

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

 

A continuación interviña a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, sinalando que Valdeorras se converte neste fin de semana “no epicentro das Rutas dos Viños e das Xornadas de Portas Abertas”. Ademais explicaba que esta tarde visitaba algunhas das covas da comarca, en concreto as de Larouco, “e en realidade aí tedes un potencial impresionante para poder aproveitar e diferenciarvos de calquera lugar do mundo. Tedes unha xoia patrimonial que é un relato que buscan os turistas cando chegan a calquera destino e que, xunto con ese turismo industrial que tamén é moi interesante, pode aproveitarse. En Valdeorras temos unha gran oportunidade”.

 

 

Finalmente tomaba a palabra o presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV), Aurelio Blanco, quen lía uns versos adicados ao viño de Florencio Delgado Gurriarán e comentaba o labor realizado, especialmente dende hai 23 anos, para poñer en valor a figura deste autor revindicando unhas Letras Galegas para el, algo que se conseguía neste 2022.

A continuación ofrecíase unha degustación de nove viños (brancos e tintos) de adegas de viños da comarca, con elaborados e saborosos petiscos, mentres soaba a música do cantautor valdeorrés Sito.

 

 

O programa da Ruta do Viño de Valdeorras incluía xa esta mesma noite unha actividade de observación astronómica e retomarase con forza mañá cos buses do viño, chegados dende diferentes cidades para visitar as adegas da zona e cun amplo abano de actividades: dende catas de viños ata rutas, concertos ou maridaxes.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button