CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

A sega do centeo, punto de partida da Festa dos Fachós de Castro Caldelas

Este labor agrícola tradicional comezaba a realizarse esta mañá por parte dun grupo de voluntarios

 

Cando o lume prende no gran fachón de palla na noite do 19 de xaneiro cobra vida un antergo ritual que atrae cada ano a multitude de persoas en Castro Caldelas. É un dos momentos máis especiais desta ancestral celebración, detrás da que hai moitas horas de traballo colectivo, que comezan meses antes da cita.

Así, o punto de partida que fai posible esa celebración é a sega do centeo que comezaba a realizarse na mañá deste 29 de xullo coa esperanza posta en que se poida cumprir coa tradición, “se o Covid o permite”, matiza a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega.

A tradición pervive grazas ao entusiasmo e esfozo dos voluntarios. Voluntarios como Daniel de Cambicia, Tobo do Burgo, Carlos de Susaus, Camilo dos Espiñeiros, Servando de Casbeado e Chicho de Vilamaior, “os auténticos artífices xunto coa familia dos Clarete que sementan o pan”, indica a rexedora caldelá, que destaca ademais que a súa sega “é un traballo forte e feito o vello uso. A man e coa Bertolini”.

Ademais de manter viva esta antiga festa, da que hai referencias escritas que datan xa do ano 1751, este labor contribúe a amosar e a darlle continuidade a un labor tradicional propio do rural.

“Os máis maiores ensinan a súa sabedoría e bo facer ás xeracións máis xoves que, co seu traballo e ilusión, continúan a tradición e fan posible unha das celebracións máis enxebres de Galicia”, conclúe Sara Inés Vega.

Un traballo que chegará ao seu punto culminante, con permiso do Covid, o vindeiro 19 de xaneiro entre lusco e fusco. Esta celebración conta ademais co recoñecemento de interese turístico galego.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button