As malas condicións que presentan as comunicacións, tanto por estrada como por ferrocarril, no Barco centraban unha boa parte do debate na sesión plenaria que a Corporación barquense celebraba na tarde deste 3 de outubro. O punto de partida era unha moción sobre “apremio de mellora das infraestruturas no Barco” defendida polo voceiro municipal do PP, Antonio Melo, quen comezaba asegurando que este concello “é o eterno esquecido” nesta materia. “O noso pobo ten sido sistematicamente ninguneado por todos os gobernos. Pouco a pouco, case sen darnos conta, temos ido pedendo servizos imprescindibles para desprazarnos dentro e fóra da nosa comunidade. Pesimamente comunicados por estrada. Cunha N-120 nun estado lamentable, a pesar das múltiples promesas de arranxo. Os poucos tramos que teñen iso arranxados son claramente insuficientes, continuando a maior parte do percorrido en mal estado. Á vista do elevado número de accidentes que hai, tras consultar a técnicos especialistas na materia, transmítennos que o estado da estrada é o responsable dun bo número deles, sobre todo de noite e en circunstancias de visibilidade reducida”.
Melo tamén se refería na moción a que o “transporte público por estrada é deficiente, os nosos estudantes sábeno ben, ao igual que as súas familias. A día de hoxe as combinacións de transporte público coas principais cidades galegas, calquera capital de provincia onde haxa universidade, ou coa capital de España, resultan extremadamente complicadas para a maioría da poboación. Unicamente contamos co autobús dos domingos, e un de volta, os venres á capital de España. O resto de cidades están fóra do noso alcance debido a que a comunicación por transporte público é inexistente, máis alá dos nosos vehículos particulares”.
Finalmente, o concelleiro popular aludía á “liña de ferrocarril que nos une coa capital provincial, que segue cortada no seu tramo Monforte-Ourense” dende o outono de 2022 e que provoca “graves incomodidades aos usuarios deste servizo”. Por isto o PP solicitaba na moción que o “Concello do Barco inste ao ministerio á axilización das obras pendentes a fin de que o servizo ferroviario se reanude á maior brevidade” e que se solicite “á Consellería de Presidencia e ao MITMA máis liñas de autobús e tren que comuniquen a nosa vila coas principais cidades”.
Na quenda de intervencións, o voceiro do BNG, Manuel Agra, lembraba as diferentes iniciativas presentadas nos últimos anos polo seu grupo político tanto a nivel municipal, como provincial e galego, sobre este mesmo asunto lembrando que algunhas non saian adiante ao non ser respaldadas polo PP nin polo PSdeG-PSOE. “Inhumano é que as comunicacións por estrada e ferrocarril en Valdeorras é que estean como están, inhumano é que os gobernos da Xunta e do Estado teñan nesta situación ás comunicacións na nosa comarca, inhumano é que o PP do Barco e o PSdeG-PSOE non se planten e dean un golpe na mesa e lles digan aos seus compañeiros de Compostela e Madrid que O Barco, que Valdeorras xa non aguanta máis. Fagan algo máis que mocións deste estilo, que a veciñanza do concello vexa que lles preocupa o tema das comunicacións. Todo o mundo coincide en que as malas comunicacións son un dos problemas máis graves que ten a nosa comarca. A que esperamos para dicir basta xa?”.
Pola súa banda, o voceiro socialista, Aurentino Alonso, apuntaba que o pedía a moción do PP “é correcto, ninguén nos podemos opoñer ao que solicitan ao final. Todos estamos de acordo en que se axilicen as obras ferroviarias, o tema é que se podan axilizar. O tema é que cando se traballa nun terreo complicado como é a orografía entre Ourense-Os Peares-Monforte, e cando tes a climatoloxía en contra ás veces xurden imprevistos que non se contemplaban no proxecto e iso demora a obra”.
Ademais Alonso indicaba que “hai que lembrarlle ao PP que hai moitas cousas que se desencallaron cando entrou este goberno do PSOE en Madrid, vostedes saben ben que había moitos proxectos que estaban metidos nun caixón, entre eles a circunvalación do Barco e o terceiro carril entre Os Peares e Ourense, e están desencallados os dous, un está en obras e outro está en vías de que proximamente se licite o proxecto construtivo. O ferrocarril, quen dotou de 550 millóns de euros para a mellora do tramo entre Ourense-Monforte-Lugo foi o PSOE, e a nós aí aféctanos de pleno, a metade do percorrido que facemos por tren cando imos a Ourense é ese tramo. E iso hai que dicilo, hai que ter algo de memoria, como estaba todo e como van estando agora”.
O concelleiro socialista tamén recoñecía que “hai certos tramos da N-120, como é o de Lugo, que está infame. Esperemos que dende o ministerio se actúe, dende aquí o recado xa lle ten mandado e sabemos que se está traballando nalgún tipo de proxecto para tratar de resolver isto”. E, con respecto a situación da liñas de autobús e de tren, Alonso manifestábase totalmente de acordo co exposto na moción, “esperemos que cando se recupere o tramo de Ourense-Monforte poidamos recuperar tamén algúns dos servizos ferroviarios que había antes da pandemia e do peche desa liña” e as “liñas de autobús e que existan comunicacións entre O Barco, Santiago, Vigo, Lugo e Ourense depende da Xunta de Galicia e é certo que estamos moi deficitarios neste tipo de servizos”.
Antes da votación, Antonio Melo pedía facer “unha fronte común e ir ás administracións os tres partidos xuntos se o pobo necesita algo, para pedir o xusto, o que nos fai falta e o que requiren os cidadáns”. O edil nacionalista Manuel Agra sinalaba nese senso que “temos que estar á altura do que pide de nós a cidadanía, e un dos grandes problemas que ten a comarca é a falta de comunicacións”. Finalmente, a moción resultaba aprobada por unanimidade.
Aprobada unha moción do BNG relativa á creación de 2 novas pistas de tenis
Entre os asuntos abordados na sesión plenaria de outubro no Barco tamén figuraba unha moción do BNG na que se solicitaba a construción de dúas pistas de tenis no municipio e que tamén saía adiante por unanimidade dos tres grupos políticos. Na iniciativa sinalábase que “van máis de 20 anos dende a última vez que se construíu unha pista de tenis no noso concello. Se ben o Concello do Barco fixo esforzos recentes en acondicionar a pista de Calabagueiros (novos focos, limpeza da superficie), unha soa pista destas características considérase insuficiente para un concello de case 13000 habitantes como O Barco. Tendo en conta tamén que as pistas ao lado das piscinas non se poden considerar útiles para o uso amateur”.
Así mesmo, o BNG apuntaba que neste municipio sempre houbo afección a este deporte e “hoxe en día, nótase que a demanda volveu, como se puido comprobar este verán, estando a pista de Calabagueiros case sempre ocupada, tendo que ir algúns xogadores ata A Rúa ou Petín para poder xogar. A maiores, recentemente en Valdeorras estanse construíndo ou reparando pistas de tenis; por exemplo, reparación da pista de tenis do Aguillón na Rúa, reparación da pista de tenis de Petín, ou a nova pista proxectada en Vilamartín”.
Neste senso o grupo municipal dp BNG propoñía na moción a construción de 2 pistas de tenis novas, así como a cuberta unha das pistas e mesmo propoñía lugares “a valorar” para a súa ubicación: o Campiño de Viloira, o Polígono A Raña, “aproveitando a sinerxía do clube de Pádel”, ou os terreos de Cedie.
A concelleira do PP, Maite Estévez, manifestaba a sorpresa do seu grupo ante esta moción xa que “a día de hoxe, tal e como se atopan as instalacións deportivas do Barco se presente esta moción. Neste momento cremos que non son prioritarias novas instalacións, o que si que se necesita é que as instalacións deportivas municipais se poida utilizar e estean en óptimas condicións e se adapten ás necesidades dos usuarios e en numerosos plenos transmitimos esas queixas da veciñanza a este pleno”. Pese a iso, manifestaba que esta petición de 2 novas pistas de tenis “é beneficiosa para O Barco”.
Na súa intervención, o voceiro municipal do PSOE, aseguraba que “consideramos que é importante que O Barco teña unhas pistas de tenis en condicións, é un tema que xa hai anos que levamos traballando, pero tampouco se lle deu moita prioridade porque desde que desapareceu o club tenis baixou o uso das pistas”. Se ben, matizaba que un dos espazos que podería ser axeitado é o situado “nas proximidades do Mercadona, temos que mirar se entran as dúas pistas”.
Con respecto ás afirmacións da concelleira popular, Alonso dicía que “as instalacións do Concello do Barco, hai poucas vilas desta entidade que teñan unhas instalacións deste tipo. Si que hai carencias ou pequenas cousas que modificar, estes días estamos co problema das pingueiras no pavillón de Calabagueiros e estamos preocupados, é unha obra que leva un ano adxudicada e non se puido executar”.
A moción saia adiante por unamimidade. Neste pleno tamén resultaba aprobado, entre outros puntos, o estudo de detalle SUR-9.
Fotos: O SIL.