ConcellosO BarcoÚltima hora

A situación das instalacións no Pavillón Vello do Barco, entre os asuntos tratados no pleno municipal

Noa Fernández, concelleira do BNG, pedía como rogo, que se corrixan as deficiencias que presenta este espazo, amosando unhas fotografías do seu estado

 

Entre os asuntos que se poñían sobre a mesa na sesión plenaria ordinaria que a Corporación do Barco celebraba a tarde do 4 de abril estaba a situación que presenta o Pavillón Vello, situado no centro da vila. O tema abordábao a concelleira do BNG, Noa Fernández, no apartado de rogos e preguntas.

A edil comentaba que, “en base ás diferentes normativas que regulan as instalacións deportivas municipais, establécese que o obxecto fundamental das mesmas é a tutela da saúde pública a través do fomento da educación física, facilitando a acaída utilización do ocio, debendo para elo de dispoñer de instalacións e equipamentos deportivos en boas condicións de uso que garantan a protección da saúde e seguridade. O Barco conta con instalacións, dúas delas fundamentais e que non garanten este dereito á saúde, senón que máis ben poden poñela en perigo. Non me vou referir ao pavillón de Calabagueiros ao que o concelleiro do PP, José Luis Tamayo, xa ten referido en diversas ocasións a el, e déronse aquí certas explicacións, pero o que non se dá é atallado o problema. Neste caso refírome ao Pavillón Vello”.

 

 

E mentres interviña, Noa Fernández amosaba diversas fotografías que lle facían chegar usuarios destas instalacións, “onde se pode ver as condicións nas que está o chan. Ao facer deporte é moi fácil tropezar e caer, entón queremos rogar ao Concello a reparación urxente destas instalacións nas que se desenvolven diversas actividades deportivas, tanto de menores como adultos e que, son un eixo fundamental da vida da nosa vila e non podemos permitir que estean nesta situación”.

O alcalde, Alfredo García, respondía que se tomaba nota do exposto e que “iremos a velas. Xa está previsto intervir, pero en calquera caso tomamos nota do dito”.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button