SanidadeÚltima hora

A soliedariedade de 11 doantes ourensáns repartía vida entre 42 pacientes que puideron ser transplantados

 

En 2022, aínda saíndo dunha longa pandemia, en Ourense once persoas e as súas familias, por medio dos equipos sanitarios da Unidade de Coordinación de Transplantes do Hospital Universitario, fixeron posible un dos actos máis solidarios e altruístas, decindo sí á doazón, e repartindo vida a corenta e dúas persoas que se beneficiaron dun transplante de órganos.

A doazón de órganos e tecidos tamén fixo posible que o Servizo de Oftalmoloxía realizara trinta e seis transplantes de cornea, intervención que permite recuperar ata nun 80% a visión, e se realiza integramente no Hospital Universitario de Ourense, como os de membrana amniótica, tecido osteo-tendinoso e hematopoiético. Unha actividade que permitíu realizar 93 procedementos de trasplante na nosa provincia e fora.

Ourense mantén así unha taxa, difícil valorar só con números, que alcanza desde o pasado ano as mellores cifras da última década, cada vez máis preto da media galega, que con 47,6 doantes por millón de habitantes, supera xa media de España (46,3), a súa vez líder mundial.

Nos últimos anos o aumento do número de doantes de órganos en Ourense, é constante, pasando de 3 en 2018 e 2 en 2019, a 7 en 2020 e 11 en 2021 e 2022, e no que vai de ano 6. Un importante traballo que sitúa ao Hospital Universitario de Ourense como o cuarto hospital de Galicia en número de doantes, tras Santiago, A Coruña e Vigo, os dous primeiros acreditados para transplante.

 

Jesús Priego responsable do Equipo de Coordinación de Transplantes.

 

Evitar oportunidades de salvar vidas

O primeiro motivo de perda de doantes, en todo o mundo, é non detectar ás persoas que poderían selo. Evitar a perda de órganos viables para transplante é sempre unha cadea de acontecementos, baixo o risco de que se acabe rompendo polo fío mais débil. Nada pode quedar en mans da improvisación. Converter cada posibilidade nunha realidade é tarefa de moitos.

Dirixindo este proceso, en Ourense está Jesús Priego, do servizo de Medicina Intensiva, e que coordina este complexo engranaxe que permite dar novas esperanzas ás persoas que esperan un transplante ser operados nun dos hospitais acreditados. Non é fácil no medio da dor dunha familia apelar á solidariedade, nin para unha familia inmersa na dor aceptar este reto solidario e altruísta, pero xuntos é posible manter a cadea de solidariedade que converte ao sistema español nun referente mundial.

Pese a que non hai idade límite para ser doante, nos últimos anos o envellecemento poboacional e os avances da cirurxía reduciron as posibilidades de doazón, ata que desenvolvemento dunha nova técnica para manter a viabilidade: a doazón en asistolia controlada (Maastricht tipo III), que se comezou a aplicar en Ourense de xeito precoz e o pasado ano 2022 foi por vez primeira a maioritaria na nosa Área Sanitaria.

En 2022 producíronse dez negativas familiares á doazón, aspecto no que é clave o traballo de información e difusión que se realiza desde o equipo de transplantes, en estreita colaboración coas asociacións de pacientes, que coñecen ben as dificultades e esperanzas dos que agardan por un transplante.

Nesta coordinación que salva vidas, hai que destacar tamén a estreita colaboración con outros servizos do hospital, para implementar tamén a doazón de tecidos, que permite que Ourense sexa o segundo hospital de Galicia que máis doantes exclusivamente de córneas achegou ao banco de tecidos autonómico.

Coincidindo co Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos, a Asociación Alcer Ourense instalará mañá unha mesa informativa, á que se achegarán o xerente, Félix Rubial, e parte do equipo coordinador en Ourense da ONT (Organización Nacional de Transplantes) Estrella Pérez e Estefanía Prol, representando ao mais dun centenar de profesionais implicados en Ourense neste solidario proceso.

Artigos relacionados

Back to top button