SanidadeÚltima hora

Conclúe a obra dos primeiros espazos da nova UCI do Hospital Universitario de Ourense

Este novo espazo complementarase de inmediato coa reforma do actual espazo de UCI ata chegar ás 30 camas, e acadando un investimento total de 8,2 millóns de euros, segundo o Sergas

 

A xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, destacaba esta mañá, na súa visita ás instalacións da nova UCI do Hospital Universitario de Ourense, que “a obra xa está xa rematada e lista para a montaxe do equipamento e a realización dos controis ambientais necesarios para corroborar todos os requisitos de calidade que debe cumprir un espazo como este”. Na visita, a xerente estivo acompañada polo delegado territorial, Gabriel Alén; e polo xerente da área sanitaria, Félix Rubial.

Tal e como detallou Estrella López-Pardo, o novo espazo de 10 boxes non formaba parte da UCI, que se localiza noutra área anexa. “Unha vez que o Sergas teña todos os parámetros de seguridade verificados e comece o traslado de pacientes, a actividade de críticos do hospital trasladarase a esta zona, iniciando entón a segunda fase da obra na actual UCI, para crear outros dous módulos con esta mesma configuración en boxes individuais e illados”.

O resultado final da actuación, de 8,2 millóns de euros de investimento, “será ampliar o número de camas de 20 a 30, ademais de triplicar a superficie e establecer en todo o espazo de críticos esta distribución en boxes individualizados”, en palabras de López-Pardo. Ademais indicaba que a aposta por este tipo de espazos decidiuse a raíz da pandemia, onde quedou claro que o manexo de enfermidades infecciosas era moito máis operativo en dependencias como esta e, ademais, encaixaba coa estratexia de humanización que estaba a desenvolver o Sergas, “xa que esta distribución individualizada facilita o confort dos pacientes e das súas familias”.

“Nesta lexislatura, o Sergas conseguiu que todas as UCIs dos seus hospitais permitan a presenza durante as 24 horas dos pais no caso de nenos ou neonatos e, espazos como este, facilitan seguir avanzando en contornas máis humanizadas a todos os pacientes críticos”, engadía.

“Este é o novo modelo de UCI que existe nos hospitais máis novos da rede sanitaria pública galega”, remarcou a xerente, que son os de Lugo e Vigo, e que se vai implantar nas ampliacións que se están a construír na Coruña, Ferrol ou Pontevedra, e que se realizou, a través de reformas específicas, en Santiago e agora en Ourense.

Investimentos por 80 millóns

Ademais de formar parte do proceso de cambio do modelo de UCI en toda Galicia, esta obra supón tamén, unha peza da transformación que o Goberno galego está a levar a cabo en particular no Hospital Universitario de Ourense, en opinión da xerente. Así, está en marcha un novo edificio de hospitalización xa en construción; un novo servizo de medicina nuclear para poder instalar o primeiro diagnóstico PET; e, ademais, reformas para instalar novos equipamentos como a sala de neurorradioloxía que dotará a Ourense dunha unidade completa de ictus. En total, “un investimento por parte da Xunta de 80 millóns de euros entre obra e equipamento”.

A xerente remataba a súa intervención agradecendo a pacientes e profesionais o esforzo nestes momentos de obras e adaptacións que se fan única e exclusivamente no seu beneficio.

Artigos relacionados

Back to top button