ConcellosPetínÚltima hora

A Sonora Petinesa volverá abrir neste 2022 as festas na honra a Santiago e Santa Ana en Petín

O programa arrancará o sábado 23 de xullo en sesión verbena e estenderase ata o martes día 26, festivo local

Publicidade
Actuación da Sonora Petinesa na praza de Petín a comezos de xuño, no marco da Feira de 1812./ Foto cedida.

 

Coa celebración da IX Feira de 1812, que incluía a II Cea Popular e o regreso da Sonora Petinesa, Petín recuperaba a normalidade social e lúdica paralizada durante dous anos por culpa da pandemia, tendo por diante outra das citas destacadas no calendario festivo do concello, as festas patronais na honra ao Santiago Apóstolo e Santa Ana, que se estenderán do 23 ao 26 de xullo.

O programa arrancará na verbena do sábado pola noite precisamente cunha nova actuación da Sonora Petinesa quentando o ambiente para as seguintes actuacións da fin de semana. Actuacións como a que protagonizará a orquestra La Ola ADN o domingo 24 de xullo, en sesión de tarde e verbena.

E despois dunha noite chea de ritmo e luces chegará o día grande e festivo nacional, o 25 de xullo, xornada na que toda Galicia rende culto a Santiago. Coma sempre, en torno ao mediodía (horario pendente de confirmar) os veciños de Petín levarán a imaxe do Apóstolo a ombros polas rúas do pobo, nunha solemne procesión que rematará na igrexa onde se celebrará a misa. Ese día haberá pasarrúas e alborada coa charanga Brisas do Sil, mentres que a sesión vermú, o baile e a verbena correrán por conta da orquestra Cocktail.

E se o protagonista do luns é Santiago, a do martes (26 de xullo, festivo local en Petín) é Santa Ana. A súa imaxe será a que leven ese día a ombros os veciños do pobo na procesión que rematará de novo na igrexa onde terá lugar a eucaristía. Ese día a sesión vermú na praza Doutor Quiroga estará amenizada pola charanga CLK que tamén farán pasarrúas e alborada pola mañá. Neste último día das festas en Petín o baile de tarde e verbena correrá por conta da orquestra pontevedresa Miramar que fará bailar aos petineses e a todos os que se acheguen ata a praza para desfrutar dunha das festas con máis solera da comarca de Valdeorras.

Máis información na edición en papel do mes de xullo do Periódico O Sil.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button