Deportes

A Tres Lunas Race abre as inscricións da súa edición máis internacional

A proba ciclista organizada polo club valdeorrés celebrarase os días 30 e 31 de maio de 2020 cun formato "único"

 

Domingo 25 de agosto ás 22h. Será o momento en se abran as inscricións da V edición da Tres Lunas Race, a proba ciclista organizada polo club valdeorrés que se celebrará os días 30 e 31 de maio de 2020 presentando un “formato único”.

“Se o ano pasado consolidouse como unha proba competitiva, turística e exclusiva para os bikers  e acompañantes a nivel nacional, este ano cónstanos que dará un salto internacional”, aseguran dende o club que segue apostando pola “exclusividade” para poder ofrecer “a mellor atención e servizos tanto ao corredor como aos acompañantes, ademais de mostrar os encantos e o potencial desta comarca levando máis alá das nosas fronteiras tanto a Tres Lunas como a Valdeorras”, aseguran.

Con respecto a ese formato único, buscando a marca diferenciadora, a carreira dividirase en tres etapas cun total de 155 quilómetros. A primeira, en formato Iron Bike, sairá ás nove da mañá do 30 de maio cunha distancia de 85 km de navegación con tramos de enlace e tramos “sorpresa” cronometrados. A segunda (CRI) será unha contrarreloxo que sairá ese mesmo día ás sete da tarde sobre un circuíto XCO semiurbano á beira do río Sil, “coa orde de saída marcada polos postos de clasificación da primeira etapa”, puntualizan dende a organización. A terceira e última, reservada para o día 31, será unha maratón XC de 62 km que sairá ás dez da mañá. “Trátase dunha etapa 100% cronometrada polo Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra con saída e meta en Quereño (Rubiá), a aldea onde comezou todo hai xa cinco anos”, din dende o Tres Lunas Valdeorras.

Arriscar navegando para ir máis tranquilos na crono, abrindo circuíto ou conservar navegando con cautela e dar o 100% na crono. O Tres Lunas pon as opcións na procura do “biker máis completo”.

 

Artigos relacionados

Back to top button