ConcellosEn portadaGalerías de fotosO BarcoÚltima horaVídeos

A Unidade de Documentación da Policía Nacional no Barco leva expedidos máis de 400 DNIs en pouco máis dun mes

Esta oficina, que se inauguraba hoxe, comezaba a funcionar o 19 de decembro do pasado

 

“Hai 200 anos fundábase a Policía Nacional do Reino, unha de cuxas funcións facía referencia á documentación”, polo tanto, a “Policía recibiu un legado de hai dous séculos, tendo en conta ademais que a identidade é a defensa máis profunda que pode ter o Estado con respecto ao individuo”, dicía esta mañá o comisario Francisco Herrero Fernández Quesada, xefe da División de Documentación da Policía Nacional, no acto inaugural da nova Unidade de Documentación do Barco, que comezaba a prestar servizo o 19 de decembro.

 

 

As súas instalacións sitúanse no edificio multiusos do Concello, contan con catro postos de expedición de documentos –dous para expedición de DNI, un de pasaportes e outro de tarxetas de identificación de estranxeiros-. A do Barco é a terceira Unidade de Documentación da provincia de Ourense, tras da cidade e Verín, e “vai ser un núcleo central onde o servizo vai ir en aumento. Isto é algo importantísimo para atender á poboación”, comentaba Herrero Fernández, explicando ademais que esta oficina conta con 5 profesionais e “cons mellores medios, de feito, vaise contar cun Punto de Actualización de Documentación (PAD), que vai evitar desprazamentos a Ourense, dada a importancia que está adquirindo a identidade dixital”. Xunto a el, participaban nesta acto inaugural Francisco Pardo Piqueras, director xeral da Policía Nacional; o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, Rafael Martínez, subdirector xeral de Loxística e Innovación; e o alcalde do Barco, Alfredo García, entre outras autoridades policiais e municipais de Valdeorras.

 

Intervención do comisario Francisco Herrero Fernández.

 

“Este é un día importante para O Barco”, sinalaba o seu alcalde, “non inauguramos unha gran obra, senón a prestación dun servizo que, se o analizamos ben, ten máis calado eu outras grandes obras. Non falamos do espazo, nin do investimento que supuxo, senón do servizo que se vai prestar dende a Dirección Xeral da Policía a partir de agora tanto no Barco como nesta comarca e noutras veciñas”. Alfredo García botaba ademais man dos datos para destacar a “necesidade que tiñamos deste servizo. No Barco anualmente víñanse dando uns 600 DNIs ao ano, que realizaba un equipo móbil de expedición de documentos da Comisaría Provincial de Ourense, e agora co oficina entre o 19 de decembro, día no que empezaba a funcionar, ata hoxe xa se expediron 419 DNIs, coa vantaxe de que non hai esperas e todo resulta máis sinxelo. Ademais préstanse outros servizos que antes no tiñamos como a expedición de pasaportes, dos que xa se fixeron 106, e dende o pasado luns xa viñeron a renovar a súa documentación 7 estranxeiros. Isto supón moito”.

 

O alcalde do Barco, durante o acto.

 

O alcalde do Barco tamén recordaba as primeiras reunións que mantivo en Madrid para solicitar esta unidade co director xeral e con outros responsables da Policía Nacional, “foi algo que todo o mundo apoiou dende un principio como algo necesario”.

 

 

Á relevancia deste novo servizo aludía tamén o director xeral da Policía Nacional, Francisco Pardo. “Son dun pobo da Mancha, do que tiven o privilexio de ser alcalde, e entendín a necesidade perentoria deste servizo no Barco, non só pola necesidade desta cabeceira de comarca, senón polas do resto de comarcas veciñas. Poñemos en marcha un servizo público novo que achega a administración ao cidadán e como director celebro que isto sexa unha realidade”. Ademais dirixíase ao persoal que está traballando na unidade: “pídovos profesionalidade, debémonos aos cidadáns, e espero que o servizo que se preste estea á altura do que queren os cidadáns da zona”.

 

O director da Policía Nacional, Francisco Pardo.

 

 

Tamén resaltaba, que igual que o ano pasado púxose en marcha o Centro Universitario de Formación da Policía Nacional, “fieis ao compromiso de seguir progresando e adecuándonos aos tempo, para satisfacer as esixencias da organización policial e da cidadanía española, o ano 2023 vai ser o ano da identidade dixital. Por iso, está a traballarse para desenvolver o Plan de Dixitalización das Administracións Públicas para os anos 2021-2025 que pretende actualizar os medios técnicos existentes, dinamizando e estendendo o uso da identidade dixital, o que marcará un antes e un despois”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button