CulturaCulturaÚltima hora

A valdeorresa Fátima Delgado estrea no Barco a súa obra “Run Baby Run”

 

No marco da XXII Festa do Botelo do Barco, na tarde do venres 19 de xaneiro estreábase no Teatro Lauro Olmo, Run Baby Run, obra escrita pola valdeorresa Fátima Delgado e dirixida por Jana Pacheco.

Nesta obra Fátima Delgado  elabora unha reflexión sobre a discriminación de xénero dentro do deporte feminino que viu a luz logo das súas investigacións de varios casos de mulleres deportistas profesionais. A trama de Run Baby Run sitúase uns meses antes dos Xogos Olímpicos, cando Alba, unha atleta de éxito que acaba de gañar un mundial, é apartada da competición oficial por un feito inesperado e experimenta como se derruba o seu mundo. Acompañada pola súa inseparable adestradora, a deportista verase nunha encrucillada na que loitará por cumprir o seu soño sen renunciar ao seu verdadeiro ser.

O papel da atleta está interpretado por Alba Loureiro e o da adestradora, por Camila Bossa. O elenco complétase con Celina Fernández e Daniel Méndez, e a canda eles atópase un equipo artístico integrado por figuras senlleiras das artes escénicas, como o deseñador Pier Paolo Álvaro, Fernando Epelde en calidade de responsable da música e do espazo sonoro da peza, o escenógrafo Alessio Meloni, o iluminador Juan Gómez Cornejo ou a coreógrafa Greta García, entre outras.

Trala representación, que tivo moi boa acollida por parte do público, a propia autora subía ao escenario para saidar aos actores.

Hoxe volveremos ver a Fátima, desta volta na súa faceta de presentadora, conducindo o acto do pregón da festa.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button